Novas

  • Traballa segura

    • 21,Abr 2025
    • Posted By : SLG
    • 0 Comments

    TRABALLA SEGURA

    Campaña a prol da saúde laboral das mulleres galegas

    CAMPAÑA SINDICATO LABREGO GALEGO EN PROL DA SAUDE LABORAL DAS MULLERES

    MULLERES NO AGRO, UNHA LOITA DIARIA CONTRA OS RISCOS LABORAIS

    O sector agropecuario, un piar fundamental da nosa sociedade e economía, é un dos sectores con máis riscos laborais e esconde unha realidade preocupante: as mulleres que traballan nel enfrontan riscos laborais que comprometen a súa saúde e benestar.

    UN PROBLEMA INVISIBLE

    Os problemas laborais das mulleres fican relegados a un segundo plano. As súas tarefas son consideradas como unha extensión dos labores domésticos, o que dificulta o recoñecemento dos riscos aos que se expoñen e a aplicación de medidas de prevención adecuadas. Como consecuencia, as traballadoras non reciben a compensación nin a protección adecuada por parte das mutuas ou da seguridade social. A lexislación vixente mostra unha preocupante falta de atención á especificidade do sector agrario e, dentro deste, ás particularidades da muller labrega.

    A REALIDADE DAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS

    Moitas labregas son traballadoras autónomas, o cal agrava a súa precariedade, pois a falsa crenza de que poden organizar o seu tempo con flexibilidade invisibiliza o seu esforzo e subliña a falta de protección para un colectivo que debe realizar traballos pesados, a miúdo sen dereitos básicos de conciliación nin protección adecuada en caso de enfermidade ou accidente. Asegurar un marco normativo que responda a estas necesidades é unha responsabilidade colectiva que non pode ser adiada.

    RISCOS LABORAIS CON IMPACTO PARTICULAR NAS TRABALLADORAS DO SECTOR AGROPECUARIO

    • Os pesticidas, fertilizantes e outros produtos químicos utilizados en limpeza ou desinfección.
    • O traballo físico esixente, especialmente ás mulleres, máis propensas a sufrir lesións musculoesqueléticas debido a que as cargas e ritmos de traballo, adaptados ao “traballador medio”, non consideran as diferenzas anatómicas e fisiolóxicas.
    • O ruído e as vibracións da maquinaria agrícola, a miúdo subestimados, representan un risco significativo para a saúde das mulleres no sector agrario, afectando dende a audición ata a saúde reprodutiva.
    • O contacto próximo con animais, tarefa na cal adoitan estar máis involucradas as mulleres, aumenta o risco de sufrir accidentes e contaxiarse de infeccións transmitidas por animais.
    • As condicións ambientais extremas (frío, calor, humidade, radiación solar…) teñen grande impacto, causando deshidratación, insolación, hipotermia e outras enfermidades e afecta especialmente as mulleres durante o embarazo.
    • As longas xornadas laborais, a presión por cumprir prazos, o illamento social, a discriminación e a precariedade laboral contribúen ao estrés e a ansiedade, afectando a saúde emocional e psicolóxica das traballadoras.

    UNHA CHAMADA Á ACCIÓN: RECOÑECEMENTO E XUSTIZA

    Máis alá de medidas de protección, é fundamental recoñecer os dereitos laborais das mulleres no sector agropecuario. É unha obriga legal recoñecer o labor que realizan, así como os riscos laborais e as enfermidades asociadas, garantindo a protección adecuada e os dereitos laborais que lles corresponden.

    • Realización de avaliacións de riscos que consideren as necesidades específicas das mulleres, recoñecementos médicos periódicos e específicos e estudos epidemiolóxicos para a detección e identificación das enfermidades profesionais que afectan ás mulleres labregas.
    • Dispoñibilidade de información clara e accesible sobre os seus dereitos laborais e os riscos aos que se expoñen.
    • Avaliación e adaptación das instalacións, equipos de protección e postos de traballo.
    • Flexibilidade horaria, permisos de maternidade e servizos de coidados son cruciais para mellorar a conciliación laboral e familiar.
    • Descansos regulares para evitar a fatiga e o estrés térmico, especialmente en condicións de calor ou frío extremos, garantindo a hidratación axeitada.
    • Programas de apoio psicosocial, como asesoramento e grupos de apoio, que lles permitan previr e abordar os riscos psicosociais derivados do illamento, a presión laboral ou a discriminación.

     

    Promoción da igualdade de xénero no sector agropecuario, combatendo a discriminación e a violencia de xénero e favorecendo o empoderamento das mulleres neste ámbito.

    UN FUTURO MÁIS XUSTO E SEGURO PARA O SECTOR AGROPECUARIO GALEGO

    • Recoñecemento e valorización do papel das mulleres que traballan nel.
    • Condicións de traballo dignas como unha cuestión de xustiza social, mais tamén un investimento estratéxico no desenvolvemento sostible da agricultura.
    • Desenvolvemento dunha lexislación en materia de prevención de riscos laborais que se adapte ás peculiaridades do noso territorio, recoñecendo a realidade do traballo rural en Galiza. Non abonda con cumprir a normativa estatal; convén que esta sexa sensible ás particularidades dun contexto marcado pola dispersión xeográfica, o illamento e a escaseza de recursos.
    • Incorporación da mirada rural e feminista no deseño das políticas de prevención, tendo en conta as condicións reais das mulleres que traballan no rural galego, moitas veces ignoradas a pesar de seren o auténtico motor das granxas.

    É HORA DE ESIXIR E PROTEXER OS DEREITOS DAS LABREGAS, ASEGURANDO UN MAÑÁ MÁIS EQUITATIVO E SOSTIBLE!

    Fouce 346

    Fouce 346

    Fouce 347

    Fouce 348

    Fouce 348

    Fouce 347

    Fouce 349

    Fouce 349