As xornadas “O Futuro das Persoas Viticultoras na Ribeira Sacra” entra na súa recta final con charlas e conferencias que reflexionan sobre a situación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e a Lei da Cadea Alimentaria.
As xornadas comezaron o pasado 29 de agosto, e percorreron distintos puntos da comarca.
Lugo, 4 de setembro de 2025. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, poñemos o peche esta semana a xornada de charlas e ciclo de conferencias iniciadas o pasado 29 de agosto. Estas xornadas teñen como obxectivo analizar a situación da vendima deste 2025 na Ribeira Sacra, e reflexionar sobre o futuro do sector.
Hoxe, xoves 4 de setembro, ás 19:00 h, na Casa da Cultura de Sober, desenvolveremos unha das charlas sobre a situación da vendima deste 2025 na Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Mañá, venres 5 de setembro, ás 12:00 h, no Centro do Viño da Ribeira Sacra situado en Monforte de Lemos, falaremos de como lle afecta ao sector vitivinícola a Lei da Cadea Alimentaria. Na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Lei da Cadea Alimentaria segue sendo unha descoñecida e temos detectado incumprimentos de todo tipo que, ademais, non se denuncian: impagos, incumprimento de prazos, incumprimentos dos requisitos que figuran no contrato, etc, . Para falar deste tema, teremos a Oliva Lorenzo Grandía: traballadora en Lugo no Control de Prácticas Comerciais Desleais da Consellería de Medio Rural que coñece de primeira man a D.O Ribeira Sacra e a súa situación.
Para rematar este ciclo, o sábado 6 de setembro estaremos en Taboada na Casa da Cultura, ás 12:00 horas.

As xornadas serven para informar e dar voz ao sector. A intención das mesmas é compartir cos viticultores e viticultoras a información recollida polo Sindicato Labrego a través do Consello Regulador e das adegas, achegar datos de primeira man sobre a Lei da Cadea Alimentaria e, ao mesmo tempo, escoitar directamente como perciben as persoas viticultoras a situación actual do sector.
As xornadas pendentes son as seguintes:
– Sober: Xoves, 4 de setembro, ás 19:00 h – Casa da Cultura
– Taboada: Sábado, 6 de setembro, ás 12:00 h – Casa da Cultur
– Monforte de Lemos: Venres, 5 de setembro, ás 12:00 h – Centro do Viño da Ribeira Sacra“Lei de Cadea Alimentaria aplicada ao sector vitivinícola: contratos, prezos e incumprimentos”, a cargo de Oliva Lorenzo Grandía, Control de Prácticas Comerciais Desleais da Consellería de Medio Rural en Lugo.