XornadaAlimentaciónEnBaseAPasto

22/01/2024

Xornada sobre os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto

Centro Etnográfico de Teixeiro, xoves 25 de xaneiro, de 11 a 14h. Esta xornada informativa enmárcase na campaña de denuncia da industrialización da IXP Ternera Gallega/Vacún de Galicia

En novembro do ano pasado, os 8 vocais das industrias, os 3 de ASAGA en representación dos cebadoiros, os 2 de Unións Agrarias e os 2 de Gandeiros Galegos da Suprema, votaron a favor de eliminar da IXP Ternera Gallega Suprema a todas aquelas granxas que non ceban ou aquelas granxas que non teñen instalacións para cebar xatos.

Xa nese momento, a través do noso vogal na IXP TG, o gandeiro Samuel Formoso, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentamos un texto alternativo eliminando a obriga de ter os animais pechados -que non saíu aprobado- e alertamos da grande irresponsabilidade que implicaba o feito de apoiar ir cara un modelo de produción intensivo e industrial para a Ternera Gallega Suprema.

Por unha banda, trátase dunha modificación que vai precisamente no sentido contrario dos valores cos que se xerou a marca, privilexiando un modelo industrial baseado en cebadoiros, que pretende facer pasar este sistema cómodo para as macrogranxas como unha produción de calidade diferenciada, e que único que vai provocar é que sigan a desaparecer as granxas familiares que dan vida ao noso medio rural.

Por outra, no contexto de actual crise económica e climática existente, a produción en base á importación de insumos vai a ser inviable economicamente para a maioría de pequenas e medianas granxas, ao tempo que son moitos os positivos resultados a nivel de saúde e calidade da carne constatados nos animais alimentados en base pasto.

No marco da campaña informativa lanzada polo SLG-CCLL a finais do pasado ano para alertar da industrialización da IXP TG, este xoves 25 de xaneiro desenvolveremos no Centro Etnográfico de Teixeiro a xornada “Os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto. É a herba alimento abondo para alimentar rumiantes?”, en horario de 11 a 14h. A xornada, aberta ao público e medios de comunicación, é de balde.

A primeira parte da mesma estará centrada na exposición de diversos estudos académicos e traballos de investigación arredor do acabado en pasto. Participarán a gandeira de leite e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba; o enxeñeiro técnico agrícola do grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela “Carne de vacún a pasto”, Xan Pouliquen; o enxeñeiro técnico agrícola Eloi Villada e a investigadora do Centro de Investigación y Formación Agraria CIFA Cantabria Enma Serrano.

Ás 13h. terá lugar unha mesa de experiencias labregas onde se establecerá un coloquio entre persoas labregas de carne.