
06/03/2025
XIX Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG, 8 e 9 de marzo no Vello Cárcere de Lugo
A falla de perspectiva labrega e feminista nas políticas públicas, nomeadamente na PAC, serán analizadas dende distintas ópticas. Abordaremos tamén a necesidade de visibilización e participación das labregas, o relevo xeracional e a situación en Palestina
Esta fin de semana o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas celebrará na cidade de Lugo o XIX Econtro Anual da Secretaría das Mulleres, que comezará ás 11.30h. do sábado 8 de marzo e descorrerá nas instalacións do Vello Cárcere. O encontro terá como un dos seus eixos centrais a visibilización dos nesgos patriarcais que condicionan as políticas públicas, un reflexo máis da violencia estrutural do patriarcado, analizando de xeito específico estratexias para eliminalos e seguirmos avanzando xuntas na consecucións dos nosos dereitos.
“Lamentablemente, malia ás reiteradas denuncias realizadas tanto por organizacións como o SLG como dende outros ámbitos sociais e institucionais, persisten a discriminación das labregas nas políticas agrarias, así como a invisibilización dos seus aportes á alimentación. Percibimos menos axudas públicas, somos minoría na titularidade das granxas e ata se minimizan os nosos aportes nas estatísticas”, denuncia María Ferreiro Santos, gandeira e Responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG.
A recepción e benvida correrá a cargo de afiliadas da comarca, compañeiras da Plataforma Feminista de Lugo e a propia María Ferreiro. Seguidamente desenvolveremos a mesa Mulleres labregas e feminismo: Representación e transformación das políticas públicas, que dará inicio ca intervención da Responsábel da Secretaría das Mulleres abordando a carencia de perspectiva labrega e feminista nas políticas públicas partindo do cuestionamento “é a Política Agraria Común unha política pública que ten en conta as mulleres labregas?”.
A continuación Isabel Álvarez, presidenta e responsable de incidencia política da Rede internacional de agricultura sostida pola comunidade URGENCI, presentará o estudo “Participación política das mulleres labregas no Estado español”. Pecharará este primeiro espazo de análise Guillermina Fernández, investigadora no grupo Laboratorio e Territorio da USC, afondando no papel das persoas mozas que acceden a proxectos agrarios como relevo xeracional.
Logo do xantar con produtos ecolóxicos e de proximidade fornecidos por Biobocado daremos inicio á quenda de tarde ca ponencia “As mulleres do rural "de onte": mobilizacións e memorias da historia do rural galego”, da historiadora Ana Cabana.
A continuación a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, achegará información da delegación do movemento labrego internacional La Vía Campesina que se desprazou do 8 ao 18 de decembro a Cisjordania (Palestina) e que contou ca participación de Dora Cabaleiro, integrante da Executiva Nacional do SLG.
Ás 19:30 as participantes do Encontro partiremos cara á manifestación feminista coas compañeiras da Plataforma Feminista de Lugo, con saída ás 20.00 da explanada do Edificio Multiusos da Xunta e finalización na Praza Santa María.
Encetaremos a xornada do domingo ás 10:30h. cunha dinámica de articulación social, baixo a clave “labregas organizadas, labregas apoderadas”. Ás 12h. terá lugar o tradicional intercambio de sementes entre as asistentes, un dos momentos máis emocionantes do encontro, e que nesta edición celebraremos baixo a máxima “Feminismo, a nosa semente de vencer”.
O peche deste XIX Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG terá lugar ás 14h. Logo do xantar finalizaremos, como é habitual, visitando unha das granxas das nosas afiliadas, desta volta Casa Bértolo en Friol, unha gandaría de leite ecolóxica con queixería tradicional.