30/11/2015
Volven as mobilizacións ao sector lácteo galego diante do fracaso estrepitoso dos acordos de Madrid
Hoxe, 30 de novembro, comezaron as mobilizacións convocadas pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo que, desta vez queren chamar a atención sobre a posición de dominio e abuso das grandes distribuidoras na cadea de valor. Non en van, os cálculos realizados desvelan que os supermercados quedan con case a metade do que se paga por cada litro de leite (46%). Esta primeira acción tivo lugar no centro comercial das Cancelas, en Compostela, onde opera un hipermercado da cadea francesa Carrefour, e consistiu nunha concentración e no reparto de folletos informativos sobre esta problemática.
Dende a Plataforma quixemos trasladar á cidadanía que o único que acadamos trala xuntanza coa nova conselleira de Medio Rural, o pasado 25 de novembro, foi que esta se comprometerse a mirar pola axilización dun Acordo de Madrid que xa ten demostrado o seu máis estrepitoso fracaso, pois nin subindo os prezos de consumo se conseguiu trasladar o incremento ás granxas. A conselleira tamén falou de crear unha comisión de seguimento do acordo, pero polo de agora só se trata dunha promesa máis que, de cumprirse, tampouco serviría de moito vendo o respecto que lle teñen ao texto asinado as industrias e distribuidoras. E mentres, a situación das nosas granxas segue a ser desesperada, xa que seguimos a percibir prezos semellantes aos de xuño e que nin sequera cobren os custes de produción, igual que cando comezaron as mobilizacións de verán. Polo tanto, dende a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo vémonos na obriga de iniciar unha nova vaga de protestas. Desta vez na distribución, informando á cidadanía de toda esta problemática co reparto de folletos informativos nas grandes áreas comerciais das principais cidades galegas e implicando tamén, como fixemos nas manifestacións estivais, á clase política. Desta maneira, seguiremos mañá, 1 de decembro, no Alcampo da avenida Alfonso Molina, na Coruña; e seguiremos durante toda a semana en Lugo, Pontevedra, Ferrol e Vigo.