RibeiraSacra-

23/08/2024

Viticultoras/es da Ribeira Sacra reciben xa cartas e chamadas confirmando a negativa das adegas a recollerlles a uva

Onde están as medidas para abordar a crise na RB que segundo a Conselleira M.J. Gómez ían anunciar ao longo desta semana?A inacción estival da Consellaría e Ministerio, cómplice do que pode ser o inicio do fin da cultura vitivinícola na Ribeira Sacra

Cartas e chamadas dirixidas ás persoas viticultoras veñen confirmando ao longo de toda esta semana o peor dos presaxios na Ribeira Sacra: as adegas non van mercar uva este ano [adxuntamos unha das cartas recibidas].

O luns 12 de agosto, na reunión mantida entre o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e a Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, canda parte da súa equipa, a Consellaría (CMR) comprometeuse a anunciar durante a presente semana as primeiras medidas para atallar a crise de excedentes na Ribeira Sacra que ameaza con levarse por diante a centos de pequenas e medianas viticultoras e viticultores e provocar un impacto sen precedentes na cultura vitivinícola da zona (deixando de paso os viñedos máis “cómodos” para o seu futuro acaparamento por grandes grupos empresariais de modelo intensivo, como estamos a padecer xa noutras zonas do noso país).

Dende que saltou a alarma dunha posible crise de excedentes na Riberia Sacra a Xunta de Galicia tentou restar importancia ás súas consecuencias fiando o equilibrio final entre oferta e demanda ao procedemento de destilación de crise.

Dende o SLG-CCLL preguntámoslle por ela varias veces, sen obter resposta concreta. A día de hoxe temos a impresión de que fai xa bastantes semanas que a Consellaría sabe que esta medida non se vai activar, pero descoñecemos se por falta de creatividade ou de ganas de traballar, tampouco asumiu a súa responsabilidade de pensar nunha alternativa que permita non deixar caer centos de postos de traballo directos das persoas viticultoras da comarca e outros tantos indirectos xerados durante a vendima.

E agora que xa están chegando as notificacións negativas das adegas a poucas semanas da vendima que facemos? Por que a Consellaría se nega a convocar unha mesa de traballo e proporcionar aos axentes do sector toda a información dispoñíbel a fin de elaborarmos conxuntamente un plan de choque que permita salvar dalgún xeito a campaña?

Como xa trasladmos á CMR, como accións urxentes o Sindicato Labrego Galego solicita a inmediata abordaxe das seguintes medidas para tentar salvar a DO:

  1. Poda en verde e baixar rendementos.

  2. Destilación de crise

  3. Limitar plantacións

  4. Campaña de promoción importante diferenciando a DO Ribeira Sacra

  5. Mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO

  6. Estudio de custes da produción de uva na Ribeira Sacra

  7. Estratexias de adaptación a novos hábitos de consumo.

Precisamos un espazo de traballo con representación de tódolos axentes implicados para poder deseñar un plan de actuación que salve a viticultura da Ribeira Sacra e realmente impulse un modelo economicamente sostíbel para as persoas produtoras, respectuoso ca natureza e presevador da cultura vitivinícola que caracteriza esta zona.

A situación do sector do viño é complicada a nivel de toda Europa, non é só unha cuestión da DO Ribeira Sacra. Non só cómpre salvar esta colleita, para o ano 2025 é necesario poñer xa enriba da mesa todas as opcións que podemos ter e ver cales poden ser mellores, ou cales se poden realizar na Ribeira Sacra, ou se se precisan todas.