11/04/2024
Vilalba: Proxección do documental “DEP: Destruír É o Plan” dirixido por SOS Sanidade Pública
O SLG-CCLL organiza mañá en Vilalba a exhibición do documental que revela a destrución planificada da Sanidade. Apoiamos a mobilización polo Día internacional da Atención Primaria convocada en Compostela por SOS Sanidade Pública
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) organiza mañá en Vilalba a proxección do documental “DEP: Destruír É o Plan” elaborado pola plataforma SOS Sanidade Pública. Tamén estaremos apoiando a concentración convocada pola plataforma co gallo do Día Internacional da Atención Primaria, que vai ter lugar tamén mañá de 12h. a 13h. fronte ao Parlamento Galego en Santiago de Compostela.
A exhibición de “DEP: Destruír É o Plan” terá lugar ás 20h. na Casa da Cultura de Vilalba, após a cal haberá un coloquio que contará ca participación do médico de familia Bernardino Pardo, destacado activista de SOS Sanidade Pública que desenrolou grande parte da súa traxectoria profesional en Vilalba, onde é moi apreciado. A peza explica por que, por vez primeira, está a haber un aumento da mortalidade evitable na Galiza, consecuencia da destrución planificada da sanidade pública executada polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia.
A través dunha narración amena e áxil, apoiada en testemuñas de persoas expertas e profesionais sanitarias, completadas con entrevistas a persoas que están a sufrir as consecuencias do colapso do sistema sanitario galego, este documental ilustra a premeditación política na privación á cidadanía da calidade precisa nun servizo esencial para a nosa supervivencia: a atención sanitaria, co único obxectivo de favorecer a creación de negocio á costa da nosa saúde a través de empresas sanitarias privadas.
“Para o Sindicato Labrego Galego a defensa da Sanidade, dos servizos públicos en xeral, é unha das liñas de loita esenciais para o mantemento e fortalecemento dun medio rural vivo. Temos denunciado en moitas ocasión o peche de centros de saúde -como durante a pandemia-, as prolongadas listas de agarda ou a falla de especialistas, polo que consideramos moi importante achegar este documental á cidadanía é dinamizar o debate de como reverter esta situación”, afirma a nosa vogal no Consello Galego de Benestar Social, a chairega Margarida Prieto Ledo. “Tanto a cuestión da destrución intencionada da sanidade pública galega nestes últimos quince anos de Partido Popular no Goberno da Xunta, que imos ver retratada polo miúdo neste documental, como as graves eivas en materia de dependencia ou a vergoñenta precariedade laboral das traballadoras de axuda no fogares son denuncias que realizamos reiteradamente e situacións sobre as que seguiremos presionando á Xunta de Galicia”.
Declaracións Margarida Prieto Ledo, vogal do LSG-CCLL no Consello Galego de Benestar Social