Novas

  • Verme soldado, falta de forraxe, temperaturas excesivas ou treboadas: As labregas e os labregos de Galiza, en crise

    Verme soldado, falta de forraxe, temperaturas excesivas ou treboadas: As labregas e os labregos de Galiza, en crise

    • 23,Xuñ 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

     

    • A semana pasada alertamos nun comunicado da crise que estaba atravesando o sector primario galego e solicitabamos a convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático.

    • Este venres, 26 de xuño, o Sindicato Labrego Galego está convocado ao pleno do Consello Agrario Galego, onde pediremos de novo a convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático e levaremos a preocupación das persoas labregas ante a proliferación do verme soldado nas súas colleitas, que está afectando a toda Galiza.

    • No verán non só hai festas, concertos, celebracións, onde capturar fotografías nun ambiente festivo. Do outro lado desas imaxes, hai labregas e labregos producindo os alimentos que comemos día a día. Labregas que están desamparadas. É urxente que a Xunta de Galicia reaccione xa a esta situación.

    Galiza, 23 de xuño de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) volvemos alzar a voz en sinal de alarma ante a propagación do verme soldado nos cultivos das labregas e dos labregos de Galiza. A súa afectación, xunto á falta de forraxe e á mala calidade deste, preocupan en grande medidas ás persoas produtoras, que están a vivir perdas nos cultivos e non contarán con herba suficiente para alimentar ao gando durante o outono e o inverno.

    A convocatoria da Mesa do Cambio Climático non pode agardar

    A semana pasada, xa alertamos nun comunicado da crise que estaba atravesando o sector primario galego, avisando que aumentaría nos vindeiros días coa suba excesiva das temperaturas que estamos vivindo agora mesmo. Nesa nota de prensa, solicitabamos a convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático para abordar as medidas de fondo e actuar antes de que fose demasiado tarde. A día de hoxe non houbo cambios. Ademais das altas temperaturas, tamén asistimos a episodios de treboadas que causaron estragos nas colleitas, con danos constantes nos cultivos. Polo que, volvemos pedir a convocatoria de dita mesa coa máxima urxencia.

    Pleno do Consello Agrario, este venres

    Este venres, 26 de xuño, o Sindicato Labrego Galego está convocado ao pleno do Consello Agrario Galego, onde solicitaremos a convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático e levaremos a preocupación das persoas labregas ante a proliferación do verme soldado nas súas colleitas, que está afectando a toda Galiza. “A presenza do verme no millo vai provocar perdas, falamos de perdas que pode que sexan millonarias para as granxas de leite”, advirte o Secretario de Acción Sindical do SLG, o mozo apicultor Brais Álvarez. É necesario actuar de maneira urxente. Cómpre que a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tomen as medidas necesarias. No verán non só hai festas, concertos, celebracións, onde capturar fotografías nun ambiente festivo. Do outro lado desas imaxes, hai labregas e labregos producindo os alimentos que comemos día a día. Labregas que están desamparadas. É urxente que a Xunta de Galicia reaccione xa a esta situación e que, con carácter extraordinario, convoque a Mesa do Cambio Climático que estamos solicitando e garanta os recursos e fondos necesarios para cubrir as perdas que están tendo as persoas labregas e as que aínda han de vir.

    O sector primario, desamparado

    O sector está desamparado, non temos resposta por parte da Consellería. Se dentro dunha semana non hai un plan de actuación e unha resposta firma ante esta crise, dende o Sindicato Labrego Galego estableceremos intelocución con outras organización agrarias, e non descartamos saír á rúa para mobilizarnos, porque a situación é crítica”, sinala Brais Álvarez. Porque son moitas as labregas e os labregos que acoden diariamente á nosa organización dando testemuño desta situación crítica. Labregas e labregos ás que nas oficinas agrarias non lles dan ningún tipo de solución. Labregas e labregos que hoxe, na noite de San Xoán e cada día, alimentan o mundo.