MobilizaciónRibeiraSacra

05/09/2024

VENRES 6 de setembro: Concentración diante do Consello Regulador Ribeira Sacra

As medidas anunciadas pola Consellaría do Medio Rural non garanten recollida e prezos para as viticultoras/es nesta vendima. Solicitamos a convocatoria dunha mesa de traballo, orzamento de crise, medidas para liberar stock e plan integral de actuación

Este venres 6 de setembro, terá lugar unha concentración convocada conxuntamente polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e Unións Agrarias (UUAA) diante da sede do Consello Regulador Ribeira Sacra, situado na R/Comercio 6/8 de Monforte de Lemos (Lugo).

Como xa avanzamos esta semana, as medidas anunciadas pola Consellaría do Medio Rural para xestionar a crise de excedentes na Ribeira Sacra, ademais de insuficientes, concretaranse inda dentro de moitos meses despois de que teña lugar a vendima, obviando que é preciso abordar a situación xa.

Dende o Sindicato Labrego Galego demandamos á Xunta de Galicia que sexa habilitado un orzamento de crise para apoiar ás persoas viticultoras e ás adegas, activando simultaneamente medidas que liberen ou reduzan os stocks, pero sempre co compromiso de recollida da uva e mantemento dos prezos.

Ademais precisamos deseñar un plan integral adaptado ás estratexias de consumo e a este momento de crise, pero tamén con visión de futuro, e para a súa elaboración é pertinente convocar unha mesa de traballo con representación das organizacións sindicais.