
21/03/2025
Urximos á CMR a facer públicas as analíticas multi-isotópicas para determinar a orixe da contaminación por nitratos
A CMR debe retirar a declaración de ZVN nos concellos onde non estea clara a orixe agrogandeira da contaminación por nitratos. Tamén demandamos un criterio que permita descartar focos puntuais ou ilóxicos no atribuíbles á contaminación xeralizada
A principios deste mes, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitou á Consellaría do Medio Rural (CMR) os datos nos que se sustenta a declaración de varios concellos galegos como zonas vulnerables á contaminación por nitratos (ZVN), habida conta de que remiten a información desactualizada -os resultados das análises correspóndense ao cuatrienio 2016-2019- e que non determinan con claridade que sexa a actividade agrogandeira a causa significativa da contaminación.
A contaminación de augas por nitratos ten entre as súas causas tamén circunstancias que nada teñen que ver ca produción de alimentos, tales como as perdas de redes de saneamento ou os lixiviados de vertedoiros urbanos. Sen embargo, as analíticas realizadas só permitiron determinar o grao de contaminación das augas por nitratos, pero non a súa potencial orixe, para o que, como si se ten feito noutras comunidades autónomas, a Consellaría do Medio Rural debería realizar analíticas multi-isotópicas, que permiten diferenciar as distintas fontes de contaminación antrópicas, así como entender e avaliar os procesos de fraccionamiento que afectan aos contaminantes.
Unha vez feitos públicos estes datos, instamos á Consellaría a revisar e retirar da declaración de zonas vulnerables naqueles concellos nos que non estea clara a orixe agrogandeira da contaminación por nitratos, así como naqueles nos que o modelo de gandaría contribúe precisamente a reducir esa contaminación por facer pastoreo ou ter unha baixa carga gandeira. Demandamos asemade un criterio que permita descartar focos puntuais ou ilóxicos non atribuíbles á contaminación xeralizada.
“As analíticas están obsoletas e en determinados lugares non se explica o resultado nin as medidas, xa que non hai tanta carga gandeira nin tanta granxa intensiva”, advirte Andrés Castro, técnico do Sindicato Labrego Galego que está a impartir charlas informativas do SLG nos concellos afectados. “Entendemos que se deben facer análises isotópicas que determinen con claridade a orixe dos contaminantes para así poder tomar as medidas mais axeitadas. É máis, en teoría a administración xa os ten feitos, porque descartaron moitos puntos.... O que nos gustaría sería ver esas análises e saber se se fixeron en todos os puntos ou só nalgúns e por que”.
No Sindicato Labrego consideramos tamén que a Consellaría debería explicar, en primeiro termo, por que non deseñou un plan de actuación dende o momento no que se coñeceu a existencia destes puntos con exceso de nitratos para precisamente tratar de evitar a declaración de ZVN. Tamén por que nin sequera tentou deseñar un programa de acción debatido e consultado coas persoas labregas, a Academia, centros de investigación, etc.
Reiteramos que resulta canto menos intrigante que a única resposta da Consellaría do Medio Rural ante unha situación de contaminación consista na súa lectura en clave de rendemento económico, presentando unha proposta de suposta economía circular incorporando plantas de biogás e sacándose da manga un sistema de certificación de sustentabilidade para outorgar ás granxas que lles entreguen os seu excedentes, fomentando deste xeito que as granxas galegas, en lugar de avanzar cara un modelo agroecolóxico que conlevaría unha produción equilibrada de puríns de compoñente natural, afonden en prácticas agroindustriais cuxos prexuízos ambientais serían entendidos como insumos para a obtención de beneficios por determinadas empresas privadas.
Nesta mesma liña, resulta indignante que ao mesmo tempo que se anuncia a inminente declaración de zonas vulnerables en concellos con gandaría tradicional coma Santiso na comarca da Ulloa, se lle dea aprobación ao informe de avaliación ambiental da macrocelulosa que queren construír as empresas Altri e Greenalia que, segundo os seus propios datos, verterá no mesmo río 255kg diarios de nitróxeno.
As medidas anunciadas pola Xunta de Galicia a principios deste mes ante a declaración de varios concellos galegos como ZVN, semellan respostar a unha estratexia de greenwhashing ca que vestir de verde os excedentes contaminantes do modelo industrial. Un modelo de xestión que ademais supón un alto custo para o erario público, xa que está supeditado á existencia dunha prima á produción de enerxía a partir de fontes renovables e baséase nunha predición a futuro de suba do mercado do biogás e do CO2 bioxénico.
A día de hoxe Galiza non supera o 21% de Superficie Agraria Útil (SAU), sendo o normal na UE estar por riba do 40%. Fronte a unha proposta de actuación que pon en entredito o futuro do noso agro, o SLG defende como alternativa unha ordenación do territorio que garanta base territorial para as nosas granxas, modelos de produción extensivos e produción ecolóxica, así como a existencia de orzamento suficiente para que as granxas poidan acometer proxectos que melloren a súa xestión ambiental, como os plans de mellora ou as axudas vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e ao uso eficiente dos recursos naturais.
Os fondos públicos deben ser habilitados para financiar modelos verdadeiramente sostibles, no canto de auxiliar á industria enerxética e a modelos de produción que xeran problemas. Non é de recibo que un proxecto altamente contaminante que xera grande preocupación social como é a macrocelulosa de Altri e Greenalia aspire a facerse con 250 millóns de euros de cartos públicos pero só se habiliten 67 millóns de euros para os plans de mellora e mitigación das granxas a desenvolver durante 5 anos para toda Galiza.
Imaxe: mapa elaborado polo SLG: Concellos que van ser declarados e puntos afectados (marcados en cor rosa).