A Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA) publica a guía Dificultades, retos e boas prácticas en pequenos matadoiros e centros de transformación cárnica de baixa capacidade onde identifica as claves para a sostibilidades destas infraestruturas, alén de 9 casos de referencia.
Máis do 70% dos pequenos matadoiros identificados sitúase en municipios de menos de 10.000 habitantes e en núcleos de menos de 5.000, onde a gandería fixa poboación e coida o territorio fronte a incendios e perda de biodiversidade.
O proxecto elaborou un mapa interactivo que localiza, por primeira vez, un total de 111 instalacións colectivas entre pequenos matadoiros, centros de transformación cárnica e obradoiros compartido.
Galiza, 27 de xullo de 2026. A Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA) publicou a guía Dificultades, retos e boas prácticas en pequenos matadoiros e centros de transformación cárnica de baixa capacidade, un documento que radiografía a situación actual destas infraestruturas de baixa capacidade, os obstáculos para a súa posta en marcha e mantemento e, principalmente, reúne as solucións que xa funcionan sobre o terreo recollendo boas prácticas e casos de éxito.
Esta tipoloxía de matadoiros é o elo que conecta a quen cría o gando con quen o consome. Sen eles, as pequenas ganderías perden a posibilidade de sacrificar preto, diferenciar o seu produto e vendelo en canles curtas. O problema que reflicte a guía é que case desapareceron. Entre 1974 e 2025 o Estado español pasou de contar con 2.922 matadoiros a apenas 575, e os de titularidade pública —os que vertebraban cada comarca— caeron do 74% ao 13%. A distancia até as grandes plantas industriais, a miúdo por centos de quilómetros, encarece os custos, penaliza o benestar animal e empuxa ao abandono a moitas granxas de pequena escala.
Fronte a ese retroceso, a guía documenta nove casos de éxito moi distintos entre si, que mostran o alto grao de innovación técnica e social que hoxe representan estas infraestruturas. Van dende o matadoiro na finca El Soler de n’Hug (Prats de Lluçanès, Barcelona), onde unha familia gandeira fabricou o seu propio módulo de sacrificio por algo máis de 20.000 euros, até o matadoiro móbil da Catalunya Central, xestionado por ARCA, que fan na propia granxa e evita desprazamentos e tensións animal. En Aínsa-Sobrarbe (Huesca), o matadoiro municipal ecolóxico que xestiona a Fundación para la Conservación del Quebrantahuesos transforma os subprodutos do sacrificio en alimento para aves carnazais ameazadas, pechando o círculo entre produción de carne e conservación. E en Orduña (Bizkaia), o centro colectivo Belardi articula a 42 familias gandeiras ao redor dun modelo de gobernanza asembleario, con parte das tarefas comunitarias resoltas mediante o auzolan, o traballo veciñal e non remunerado propio da tradición vasca.

77 matadoiros localizados por primeira vez
O proxecto RITA elaborou ademais un mapa que localiza por primeira vez estas instalacións no conxunto do Estado, 68 pequenos matadoiros e centros de transformación cárnica, 2 matadoiros móbiles e 7 pequenos matadoiros en leiras. O mapa tamén identifica 7 matadoiros modulares (caso específico de Ceuta) e 36 obradoiros compartidos, outro tipo de infraestruturas colectivas con forte carácter de innovación social, e sobre as que RITA tamén publicou unha guía para o seu impulso. En total son 111 infraestruturas que poden consultarse na páxina web de RITA: https://taapa.org/#mapa-icta
Esta ferramenta é un instrumento vivo que reflicte o conxunto de iniciativas colectivas ao servizo da transformación alimentaria a pequena e mediana escala. Calquera persoa que coñeza experiencias deste tipo, pode engadilas enchendo un formulario.
Os datos debuxan un mapa principalmente rural xa que a maioría destes matadoiros operan en municipios pequenos – de 10.000 habitantes e de menos de 5.000, cun total de 59 identificados en estas áreas-. Son infraestruturas cunha función pública e social estratéxica, situadas en lugares onde a actividade gandeira resulta esencial para fixar poboación e xestionar o territorio (prevención de incendios, conservación de biodiversidade, etc.) alén de dar un servizo ás pequenas e medianas empresas do sector, fomentando a economía e emprego local.
Precisamente polo seu peso nestas zonas, a continuidade deste tipo de instalacións non pode quedar ao azar. E a guía é tallante sobre iso: onde falta vontade política e apoio público, estes matadoiros non arrincan ou acaban pechando. Onde si hai vontade e apoio público, funcionan. A guía sinala que as experiencias máis sólidas comparten a mesma receita —xestión colectiva, alianzas ao longo da cadea alimentaria e respaldo das administracións—, como demostran as liñas de axuda específicas da Generalitat de Catalunya ou o impulso da Deputación de Barcelona. A súa viabilidade, conclúe a guía, dependerá de que as administracións asuman esa responsabilidade.
A guía completa pode descargarse en https://taapa.org/recursos/guia-pequenos-mataderos-rita/
Sobre RITA
O proxecto RITA impúlsano ARCA (Associació d’Iniciatives Rurals i Marítimes de Catalunya), a Cooperativa Germinando, Extremadura Alimenta, Sindicato Labrego Galego, SEAE (Sociedad Española de Agricultura Ecológica y Agroecología) e o Instituto de Estudos Campesiños da Universidade de Córdoba (ISEC-UCO).
Conta co apoio e acompañamento da Fundación Daniel e Nina Carasso a través do seu eixo Alimentación Sostíbel, contribuíndo á transformación da sociedade cara a un modelo máis ecolóxico e inclusivo e un desenvolvemento en plenitude.
