Concentración Melide

24/01/2021

Un cento de melidenses concéntranse diante do Concello para esixir a reapertura do mercado labrego dos domingos

Un cento de persoas, entre as que se atopaban boa parte dos homes e mulleres que venden alimentos na feira dominical de Melide, encheron a praza do Convento nunha concentración de protesta para esixir ao goberno municipal a reapertura inmediata do mercado labrego, sempre baixo o cumprimento estrito dos protocolos marcados polas autoridades sanitarias de cara a evitar a expansión da Covid 19.

Esta acción de protesta obedece á reincidencia do Concello de Melide en prohibir un mercado de alimentos que, por celebrarse ao aire libre, ten mellores condicións de seguridade para a compravenda de bens esenciais que non os espazos pechados. Porén, en contra de toda lóxica, o concello decretou por terceira vez en menos de un ano o peche do mercado sen que houbese ningunha orde de autoridades sanitarias ou políticas que obrigase a facelo, e sen ningún estudo ou informe que indique que no mercado de alimentos labregos se teñan producido gromos ou contaxios de Covid-19.

Consignas como “Queremos mercar os grelos ás veciñas!” ou “Espazos labregos, espazos seguros!” precederon á lectura dun manifesto (pódese descargar íntegro na icona que hai no remate desta páxina) no que se lle esixían catro demandas fundamentais ao executivo melidense:

  1. Reapertura inmediata do mercado dominical de alimentos, reorganizándoo temporalmente coa distribución dos postos de venda en novos espazos que garantan as distancias e os protocolos sanitarios vixentes, tal e como indica o decreto 202/2020 do 3 de decembro.

  2. Dotación de recursos materiais e humanos para garantir o cumprimento dos protocolos sanitarios anti-covid no mercado.

  3. Recomendación a través de bandos, radio municipal e outros medios de difusión ao alcance do Concello de Melide, da opción de adquirir alimentos no mercado labrego como a máis segura na conxuntura actual.

  4. Revisión das políticas municipais de cara a apoiar e reforzar este mercado, xa que con el se apoian a economía local, os proxectos agrogandeiros da bisbarra, o mantemento de postos de traballo, a creación de riqueza no rural ou o reforzamento da nosa soberanía alimentaria diante de crises nas que os supermercados, como ben puidemos comprobar nos últimos tempos, sofren axiña desabastecemento.

Concentración Melide

Un cento de melidenses concéntranse diante do Concello para esixir a reapertura do mercado labrego dos domingos