XVIIEncontroSecretaríaDAsMulleres

18/03/2023

Un cento de labregas participan no XVII Encontro da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego

O evento, centrado en identificar as violencias machistas, ten lugar hoxe e mañá no Centro Sociocultural A Senra de Bergondo. A primeira xornada abordou as múltiples violencias cotiás que afectan ás labregas no eido laboral, educativo e da saúde

Ao longo desta fin de semana o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebra a decimoséptima edición do encontro anual da Secretaría das Mulleres no Espacio Sociocultural A Senra de Bergondo, baixo o lema “Identificando as violencias e construíndo un bo trato”.

Logo do recebimento dado pola alcaldesa do municipio, Alejandra Pérez Márquez, mulleres labregas da comarca de Betanzos deron a benvida ás participantes que xa se incorporaron á xuntanza dende primeira hora da mañá. A continuación, a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, encetou a primeira mesa de análise e debate, titulada “Identificando as violencias do sistema como mulleres labregas”.

Baixo o título “Invisibilizando os proxectos das mulleres labregas” a propia Isabel Vilalba, canda a tamén gandeira e economista especializada en Política Agraria Común (PAC) Ana Rodríguez, presentaron unha análise centrada na identificación de violencias no ámbito profesional, aportando exemplos concretos que xurden no día a día das mulleres labregas, e achegando claves para cuestionarnos como nos afectan como labregas as políticas públicas, así como unha análise específica da PAC dende unha perspectiva feminista. Abordáronse cuestións como a presenza absolutamente minoritaria de mulleres nos espazos de negociación e representatividade, como por exemplo nos recentemente constituídos Consellos Reguladores; a necesidade de seguir avanzando na titularidade compartida das explotacións ou a denuncia do modelo agroindustrial como un modelo que macrodimensionado que, ademais de degradar a calidade nutricional dos alimentos e impactar negativamente nos territorios onde se instala, afasta das persoas labregas o control sobre as súas propias producións, o que non se corresponde co modelo de produción polo que apostamos maioritariamente as mulleres, que adoitamos priorizar a calidade das producións e a interrelación entre as mesmas, ademais de asumir un diferenciado compromiso ca agricultura ecolóxica e agroecolóxica.

A segunda parte da mañá abordou as violencias no ámbito educativo da man da labrega afiliada do SLG Belén Fervenza, que relatou a súa experiencia na procura de escola para crianzas, así coma representantes da cooperativa galega de traballo asociado sen ánimo de lucro e con perspectiva de xénero Arabías.

Logo do xantar compartido, elaborado con alimentos achegados polas mulleres participantes, a matrona Esther Parada debullou exemplos de violencias machistas no eido da Saúde a través dunha palestra sobre violencia obstétrica. A continuación analizamos tamén as violencias no ámbito xudicial a través da charla “A lei do só sí e sí, máis protexidas ou máis desprotexidas?”, impartida pola escritora e activista feminista Nanina Santos.

No serán, previamente á cea compartida na que tamén degustaremos alimentos levados polas mulleres participantes no encontro, a labrega da comarca Carmen de Vilarmaior dinamizará unha cerimonia de intercambio de sementes -tamén denominada “mística” no ambito das organizacións que integramos La Vía Campesina Inernacional-. Esta primeira xornada finalizará co desfrute dun espazo festivo-combativo logo da cea.

A mañá do domingo 19 estará protagonizada polo obradoiro “Autovalidarnos como mulleres labregas”, conducido pola académica e activista feminista Tareixa Ledo. Logo do xantar pecharemos este XVII Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG visitando un proxecto de horta ecolóxica da nosa afiliada Ana María Rodríguez Lago (Carral).