
08/04/2024
UE e Ministerio propoñen “parches” que non solucionan os problemas da PAC. Precisamos un cambio de modelo
As medidas anunciadas polo Ministerio son escasas e pouco concretas, só serven para disuadir as mobilizacións do sector. A UE segue sen admitir que o enfoque da PAC non é positivo nin para as persoas produtoras nin para as consumidoras
Como resposta ás mobilizacións do sector agrario desenvolvidas durante os meses de febreiro e marzo, o pasado 1 de abril o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación presentou un paquete de 43 medidas.
Unha vez analizadas, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) botamos en falta, respecto á Lei da Cadea e a todo o relativo á fixación de prezos, compromisos concretos sobre procedementos e prazos para publicar os informes, así como mecanismos para facelos cumprir e pór fin ás prácticas abusivas que lastran a cadea estrangulando ás produtoras e produtores. Precisamos propostas reais, definidas, que permitan reforzar o papel da Axencia de Información e Control Almentarios (AICA) ao tempo que se proporcionen informes periódicos da cadea das distintas producións, sen perder de vista a necesidade de apoiar unha modificación da Directiva Europea de Prácticas Abusivas.
Seguen a faltar tamén nas propostas ministeriais mecanismos que garantan prezos dignos que cubran custos de traballo e remuneren ás persoas produtoras. Cuestión na que tanto o Ministerio como, no noso caso, a Consellaría do Medio Rural, teñen un papel importante ao seren administracións que teñen a capacidade -e a responsabilidade- de proporcionar informes sobre custos de produción e funcionamento da cadea que podan ser tomados como base para establecer os prezos que o sector precisa.
Con respecto á flexibilización nas cargas burocráticas da PAC, asúmese unha demanda importante para o SLG, como é a da non obrigatoriedade do caderno dixital, corrección que vimos demandando dende o ano 2022.
Sen embargo, noutros outros requisitos que tamén son moi problemáticos para as pequenas e medianas explotacións -como a identificación electrónica de bovinos para xuño de 2025; o plan sanitario integral, incluído o veterinario de explotación; o plan de fertilización, o asesor en fertilización...- o único que se establece é unha prórroga na súa aplicación. Reiteramos que o que se debe facer con este tipo de requisitos é eximir ás pequenas e medianas granxas.
Canda estes adiamentos, nalgunhas medidas de flexibilización importantes segue a haber moitas incertezas. Consideramos que hai que agardar a ver como se concretan, por exemplo, o Decreto de Ordenación de Bovinos ou o Decreto de Nutrición de Solos. Así, neste último non se nomea para nada a BCAM 10, so se fala deste Real Decreto na medida 14, pero non se concreta nada sobre as formas permitidas da aplicación nin sobre os anuncios que levamos escoitado este último mes -a Consellaría ten que aclarar xa que sistemas de aplicación vai permitir-. Ademais, adíanse as obrigas do plan de abonado e do asesor/a de fertilización, de novo en lugar de eximir deste requisito ás pequenas e medianas granxas e mantelo para as explotacións agroindustriais. No RD de Bovinos, no punto 12 non queda claro que aspectos se van modificar, é preciso concretar. E no tocante a esixencias cas que xa temos amosado a nosa disconformidade dende o SLG por seren redundantes cas xa existentes, como é a de ter un veterinario/a de explotación, simplemente se aprazan un ano.
Por outra banda, coa pouca Superficie Agraria Útil (SAU) que temos en Galiza parécenos importante que nos permitan non ter que deixar superficies improdutivas. En territorios onde o solo está totalmente degradado consideramos que é unha medida útil establecer este tipo de actuación, ao igual que incrementar outras esixencias respecto á protección do solo ou aos obxectivos de protección da saúde, como a redución de fitosanitarios, pero non só non é unha medida que non se axusta ás necesidades noso territorio, senón que mesmo é negativa para nós.
Abondando nas nosas particularidades, Galiza tivo moi pouca implantación dos ecorreximes na primeira campaña desta PAC (2023) que, por certo, as labregas e labregos galegos aínda non cobramos, pero polo visto non se conseguiu que o Ministerio analizara esta situación. Segundo os seus propios datos, tivemos moitas menos hectáreas en ecorrexime que outras comunidades autónomas, polo que habería que analizar o por que e tentar corrixir esa situación.
A nivel de medidas internacionais, os acordos tomados son mínimos e claramente insuficientes, só se fala de esixir manter as producións por debaixo dos límites máximos de residuo nas substancias autorizadas na UE e de residuo 0 nas substancias prohibidas. É dicir, non se mellora en nada, o que se pide é o cumprimento das medidas xa existentes, ao tempo que se recoñece que a UE non aplica mecanismos que permitan garantir nos alimentos importados algo tan básico como son estes requisitos a nivel de saúde alimentaria.
É obvio que as medidas propostas non abondan, precisamos un cambio de fondo no plantexamento das políticas agrarias europeas en relación ca estratexia global da UE. A alimentación non é unha mercadoría. As institucións europeas teñen que asumir dunha vez por todas que hai que deixar de utilizar a agricultura como moeda de cambio e posicionarse en contra de tratados de liberalización como o de Mercosur (carne, produtos agrícolas ...) ou o de Nova Zelanda (cordeiro, leite...), que van supor a expulsión de centos milleiros de labregos e labregas en toda a UE, con forte impacto na Galiza.
En definitiva, lamentabelmente vemos que as institucións europeas, e tamén o Ministerio, están unha vez máis aplicando parches a un modelo agroindustrial de produción de alimentos que a medida que pasa o tempo vai dando máis e máis problemas: malas condicións laborais para as persoas que producimos alimentos, malas consecuencias para o medioambiente e unha alimentación dunha calidade nutricional inferior á que podemos, e debemos, fornecer á cidadanía.
Os alimentos non son un produto de mercado a tentar producir a baixo custo para ampliarlle marxes de beneficio, tampouco unha moeda de cambio da UE ca que negociar acordos internacionais, a alimentación é un dereito fundamental da cidadanía, relacionada directamente ca saúde da poboación, cas nosas vidas.
Sen embargo tanto o Goberno do Estado como Unión Europea tratan de obviar esta realidade, e insisten en seguir por un camiño que non só ten consecuencias negativas para as persoas produtoras e para a alimentación no seu conxunto, senón que é unha posición que empeora as eivas e dependencias da propia estrutura comunitaria no seu conxunto, ao debilitar as súas capacidades nunha cuestión tan estratéxica como é o acceso aos alimentos.
No caso da proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se modifican os Regulamentos que teñen que ver coa PAC, a súa exposición de motivos proclama: "En xeral, o novo enfoque funciona correctamente, Non obstante, tralo primeiro ano de aplicación do plan estratéxico da PAC, quedou patente que se precisan axustes (...)”. Pois non, o enfoque non funciona, nin vai funcionar. O que se precisa vai moito máis aló de axustes, a Política Agraria Común e as medidas para o seu desenvolvemento nos estados membro debe ser reformulada para orientarse a beneficiar á poboación e natureza a través do modelo agroecolóxico, procurando alcanzar a soberanía alimentaria para o territorio comunitario.