Fouce 342

14/04/2023

Suplemento especial de 8 páxinas sobre a Política Agraria Común 2023-2027 no xornal sindical FOUCE

Publicamos o número 342 do xornal sindical Fouce, correspondente aos meses de marzo e abril. O suplemento PAC recolle cuestións como a condicionalidade, as BCAM, pagos e outras informacións de interese para as granxas

Vén de saír do prelo o número 342 da publicación periódica Fouce, histórico voceiro do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Nesta ocasión, canda a información relativa ás recentes eleccións nos Consellos Reguladores ou o encontro anual da Secretaría das Mulleres, este número correspondente aos meses de marzo e abril incorpora un suplemento especial de 8 páxinas adicadas a analizar e explicar as claves da nova Política Agraria Común (PAC) que estará vixente polo menos até o 2027.

No SLG somos conscientes de que un ano máis, chegadas estas datas, unha das maiores preocupacións que temos nas nosas granxas é a presentación da PAC. Este ano, se cadra, é unha preocupación maior, xa que entra en vigor a nova PAC 2023-2027. Unha nova regulamentación cargada de novidades e cambios e, sobre todo, cargada de moita incerteza e negociada, unha vez máis, de costas ás labregas e labregos. Consideramos, polo tanto, que é importante que tanto as granxas que tramiten PAC co SLG, como fóra do SLG, lean atentamente estas páxinas e as súas recomendacións.

Esta nova PAC vense elaborando polo menos dende o ano 2018, mais nunca se tentou integrar aos sectores produtivos na súa negociación, e moito menos foi tratada de levar en tempo e forma as granxas para que a solicitude da PAC, e a propia PAC, non se converta en algo terriblemente complexo, incomprensíbel e irreal para as nosas granxas.

Neste senso, cómpre recordar o desinterese amosado pola propia Consellería de Medio Rural durante todo este proceso. A preguiza que lle dá falar co sector é tan descarada que aínda a día de hoxe tan só informou dos cambios da PAC a través duns cantos “mitins” nas comarcas que, lonxe de aclarar dúbidas, deixa en nós, as labregas e labregos, desesperanza por comprobar en primeira man como a nosa administración é incapaz de aportar solucións dende o público para a aplicación da nova PAC.

O resultado desta desconexión interesada das administracións ca realidade da produción de alimentos no noso país ten entre as súas consecuencias un desproporcionado aumento da carga burocrática -que xa arestora era un lastre para as granxas-, que carga de tantas obrigas ás labregas e labregos que pon en risco a moitas das pequenas granxas que aínda persisten no noso territorio.

Baixo o título “O que debes saber da nova PAC”, e coordenado polo equipo de persoal técnico do SLG especializado na Política Agraria Común, neste suplemento tentamos facilitar a comprensión do que supón para as nosas granxas esta nova PAC, co fin de poder aclarar moitas das dúbidas que fomos detectando nas asembleas que fixemos o inverno pasado por todo o país.

En primeiro termo explicamos en que consiste o concepto de “condicionalidade”, normas de obrigado cumprimento para poder acceder ao cobro destas axudas públicas. Seguidamente abordamos outra cuestión de significativa complexidade: o traslado á realidade das boas condicións agrarias e medioambientais, as BCAM, explicando os 10 tipos recollidos na actual norma e aportando exemplos.

Seguidamente debullamos polo miúdo as características e requisitos das axudas da PAC, explicando a diferenza entre pagos acoplados e desacoplados, así como en que consisten liñas específicas como a Axuda Básica á Renda para a Sostenibilidade, a Axuda Complementaria para Persoas Mozas ou os 7 Eco-Réximes.

Por último, canda outros datos de interese, tales como a Axuda asociada para as gandeiras extensivas de vacún de carne, as Zonas con Limitacións Naturais, os Cadernos de Granxa, o Decreto de Puríns ou incidencias no SIXPAC, estas páxinas especiais incorporan dúas extensas táboas na que compilamos pormenorizadamente a información sobre os pagos directos asociados, os compromisos agroambientais en superficies agrarias en ecolóxico e os compromisos de conservación de recursos xenéticos.

En conclusión, e como vimos reiterando dende fai meses, dende o SLG advertimos unha vez máis que esta PAC non é útil para as granxas, non serve para mellorar a súa viabilidade económica nin mellorar a súa capacidade produtiva ou fixar novos proxectos alimentarios nas nosas comarcas. Seguiremos a demandar unha simplificación da PAC así como un pago por Unidade de Traballo Agrícola (UTA), e que os fondos PAC vaian parar ás pequenas e medianas producións por seren estas as únicas que fixan poboación, son medioambientalmente sostíbeis e conservan realmente o territorio e a paisaxe galega.

Ademais, dende o Sindicato Labrego Galego seguiremos a denunciar que as granxas non podemos soportar máis burocracia, que temos dereito a que todo o asesoramento que vai requirir a nova PAC sexa público e gratuíto e que non supoña un gasto a maiores para as nosas granxas, que se nos informe e se nos forme para poder xestionar a nosa granxa e poder decidir que é o que máis nos convén. Queremos producir e decidir nós por nós mesmas.