Goretti, viticultora

19/09/2024

#SOSRibeiraSacra: Lanzamos campaña de denuncia a pé de rúa e nas redes sociais

Fronte á opacidade, desleixo e rumbo errático da CMR: visibilización do abandono ao que se está a someter a esta Denominación de Orixe. A Secretaria Xeral do SLG reuniuse con viticultoras/es na Ribeira Sacra para reforzar a visibilización desta problemática

Estamos en plena vendima, e a unha semana do anuncio da Consellaría do Medio Rural (CMR) da creación dunha mesa de traballo con participación das organizacións agrarias que non realicen mobilizacións, nin consta que este espazo estea a dar resultados nin as viticultoras e viticultores viron concretada ningún tipo de solución real.

Non foron publicadas no DOG nin nada máis se soubo dos dous millóns de euros en axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra anunciados no Consello do 2 de setembro.

Por suposto tampouco temos novas ao respecto da destilación de crise que anunciaron aprobada ese mesmo día. Nin das achegas do IGAPE para que as adegas accedan a préstamos de cara á recollida da uva.

Se a Consellaría estase permitindo non cumprir con estes dous compromisos tan concretos, para canto máis con aqueles moito máis xenéricos como o da “ampliación da formación e divulgación das oportunidades que ofrece a Política Agraria Común (PAC) para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra”, ou o reforzo das “estratexias de promoción da calidade desta denominación de orixe”.

Aliás, de cuestións clave como o motivo polo que a Xunta de Galicia non adoptou o marco legal para aprobar axudas de minimis ao sector produtor empregado fai xa meses pola súa homóloga na Rioja, a administración galega segue sen pronunciarse.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideramos moi preocupante esta inacción, que redunda nunha invisibilización estratéxica da grave situación na que se atopan máis de medio milleiro de persoas viticultoras da Ribeira Sacra, que logo de facer importantes desembolsos esta campaña non van ter quen lles merque a uva.

Así, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, desprazouse á vendima desta comarca para manter varias entrevistas con produtoras e produtores afectados, a fin de avanzar nas estratexias de mobilización e denuncia do abandono da Administración pública con respecto a esta Denominación de Orixe.

IsaRS

Fronte á opacidade da Consellaría, o SLG-CCLL vén de activar a campaña #SOSRibeiraSacra, que ten como obxectivo visibilizar a pé de rúa e nas redes sociais a situación pola que están a pasar centos de persoas produtoras que levan todo o ano invertendo recursos económicos na viña, moitas delas persoas que mesmo creceron e se criaron neses mesmos viñedos, e que agora afrontan un momento de grave incertidume co seu futuro.

F1

RibeiraSacra3                          

A través da colocación de pancartas en varias zonas da Ribeira Sacra -adxuntamos imaxes- e dunha batería de vídeos nas redes sociais do SLG -achegamos o primeiro deles, correspondente a Goretti, viticultora de Pantón de 41 anos: (https://www.youtube.com/watch?v=curiPuc7MWM)-, queremos manter activa a denuncia da ausencia total de medidas reais de apoio ás viticultoras e viticultores por parte da Xunta de Galicia, ao tempo que espallamos entre cada vez máis cidadanía información sobre a delicada situación na que se atopa a cualificada como “viticultura heroica”, unha actividade produtiva que configura a identidade histórica, cultural e paisaxística do seu territorio.