ConcentraciónOURENSE

09/09/2024

SOS GANDARÍA: CONCENTRACIÓN na Consellaría do Medio Rural, mércores 11, 12h.OURENSE

Solucións ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), axudas reais para perdas, adiamento da vacina da Lingua Azul, facilitación do movemento de animais e atendemento axeitado pola Xunta de Galicia. As granxas de carne atópanse nunha situación de bloqueo que impide a correcto funcionamento da cadea alimentaria

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén alertando dende o ano pasado do aumento da incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas granxas. A día de hoxe as perdas para o conxunto das explotacións gandeiras do noso país pode chegar a superar os 20 millóns de euros e a súa expansión mesmo provocou a suspensión de varias feiras do gando.

Como sinalamos na mobilización levada adiante o pasado 14 de agosto en Ourense, tanto a Administración estatal como a galega teñen a responsabilidade de pór medidas de apoio ao sector, así como de coordinarse para activar decontado mecanismos para financiar os gastos veterinarios, que poden chegar aos 400€ por animal, resultando tamén pertinente actualizar as indemnizacións por morte do gando para cubrir as perdas reais.

Para facer fronte a esta situación demandamos reiteradamente á CMR a cobertura total dos gastos veterinarios, así como das perdas tanto polos animais mortos como polos que superan a EHE, sen obter resposta.

Por outra banda, a semana pasada solicitamos á Consellaría do Medio Rural un adiamento da vacinación da lingua azul, habida conta da súa alta incidencia en efectos secundarios -abortos, mortes...-, de xeito moi notable no gando afectado por Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).

A día de hoxe son un número moi importante de gandarías as que se están atopando na situación de non poder levar ao matadoiro -e a outros destinos como mercados, reprodución, etc.- animais sans por non ter podido administrar as dúas doses da vacina, que requiren dun procedemento e tempos determinados.

É dicir, atopámonos ante unha situación de bloqueo de granxas de carne.

Fronte ao desleixo da Xunta de Galicia ante este escenario que está a agravar as dificultades e comprometer a viabilidade das granxas galegas -xa significativamente impactadas polos baixos prezos da carne e do leite-, este mércores 11 ás 12h. convocamos unha concentración fronte á Consellaría do Medio Rural en Ourense (Rúa Florentino Cuevillas, 4) en demanda do adiamento da vacinación da Lingua Azul, solucións ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), axudas reais para perdas, facilitación do movemento de animais e atendemento axeitado por parte da Xunta de Galicia.