Mañá fará unha semana dende que no Sindicato Labrego Galego solicitamos nun escrito á Consellería do Medio Rural información sobre os expedientes de incorporación de persoas mozas e plans de mellora, cuxo plano finalizou o pasado 9 de abril. A día de hoxe aínda non recibimos resposta.
O primeiro que nos sorprendeu cando se publicou a orde de axudas correspondentes ao ano 2026, foi que o presuposto é claramente insuficiente para dar aprobación a todas as solicitudes de incorporación que hai na actualidade.
Agardamos a resposta da Consellería do Medio Rural respecto ás incorporacións de 2026, pedimos a resolución da convocatoria de 2025 e levaremos este tema á xuntanza do PEPAC citada para o 30 de abril. Hoxe, no Día da Terra, preguntámonos: Sen labregas, quen vai alimentarnos no futuro?
Galiza, 22 de abril de 2026. Hoxe é o Día da Terra, e dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) enmarcámonos nesta conmemoración para urxir salvagardar o noso medio rural vivo, nun contexto, ademais, de avance do cambio climático e de peche de granxas. As labregas e os labregos, cada día, co seu traballo, terman da Terra. Son elas e eles quen a diario resisten nun mundo que cada vez máis atenta contra os recursos naturais. Xusto hoxe, neste día, alzamos a voz de alarma para que, dunha vez por todas, se poña o foco na falta de relevo xeracional no agro galego e nas granxas galegas que seguen activas, co fin de que se activen as medidas necesarias para fomentar dito relevo.
Nese senso, mañá fará unha semana dende que no Sindicato Labrego Galego solicitamos nun escrito á Consellería do Medio Rural información sobre os expedientes de incorporación de persoas mozas e plans de mellora, cuxo plano finalizou o pasado 9 de abril. En concreto, pedimos, en detalle, cantos deles corresponden á orde de axudas do ano 2026 para a incorporación á actividade agraria (MR404A) e cantos ás axudas para investimentos vinculadas a estas (MR405F), indicando, tamén, cantos fixeron solicitude conxunta de Incorporación e Plan de mellora; separando aqueles que proveñen de expedientes de 2025, dos que son novas solicitudes. A día de hoxe aínda non recibimos resposta.
Estes datos son moi valiosos para podermos analizar se o presuposto contemplado para as axudas cobre a demanda existente, garantindo que ningunha persoa que se queira incorporar quede illada.
O 10 de marzo denunciabamos nun comunicado que estas ordes xeran alarma entre as mozas e os mozos que solicitaron a súa axuda na convocatoria non resolta pola propia Consellería no ano 2025 e nas que solicitaron neste 2026. Unha vez máis, vémonos na obriga de solicitar a resolución inmediata destas axudas correspondentes ao 2025.
O SLG estará na reunión do PEPAC
O vindeiro 30 de abril hai unha reunión do comité rexional de seguimento do PEPAC, onde está o Sindicato Labrego Galego con outras entidades e organizacións galegas, así como a Consellería do Medio Rural, Ministerio de Agricultura e Comisión Europea. Aquí farase un seguimento de todas as medidas do segundo piar da PAC que se aplican en Galiza. Dende o SLG agardamos ter os datos solicitados respecto ás incorporacións para levar a esta xuntanza e formularemos as preguntas oportunas.
A convocatoria non resolta
En febreiro coñeciamos a nova, totalmente insólita, de que a Consellería do Medio Rural non ía resolver as solicitudes da axuda de incorporación a actividade agraria convocada no ano 2025, unha axuda que solicitaran 380 mozas e mozos e á cal se destinaban 16 millóns de euros para tal fin. Este feito, totalmente anómalo, non foi xustificado de forma clara por parte da Consellería do Medio Rural nin se deron razóns claras de porque non se resolvía, só se informou ás 380 mozas afectadas de que a súa solicitude pasaría automaticamente a estar incluída nas solicitudes do ano 2026 e pasarían a ter que esperar un ano máis para saber se a súa solicitude de axuda a incorporacións é aprobaba. En todo momento na prensa a conselleira tratou de tranquilizar ás afectadas con promesas baleiras de respectar os seus dereitos na convocatoria do ano 2026, feito que non se materializou na orde. Así mesmo, mantivo o seu discurso diante das protestas e preguntas que o Sindicato Labrego Galego fixo no Consello Agrario do 20 de febreiro de 2026.
A convocatoria de 2026
O primeiro que nos sorprendeu cando se publicou a orde de axudas correspondentes ao ano 2026, foi que o presuposto é claramente insuficiente para dar aprobación a todas as solicitudes de incorporación que hai na actualidade. O presuposto contemplado para o ano 2026 é de 23 millóns de euros, é dicir, 7 millóns máis que a cantidade aprobada inicialmente para o ano 2025. “A Consellería sabe que ás 380 solicitudes do ano pasado lle vai ter que sumar outras tantas deste ano, co cal vai xuntar máis de 750 solicitudes cando só ten presupostado fondos para aprobar 530. Preguntámonos como encaixa co discurso de defender a actividade gandeira e o medio rural que ten a actual conselleira o feito de -nun contexto de peche xeral de granxas– deixar sen estas axudas a máis de 200 mozas e mozos que ían iniciar ou manter o seu proxecto de vida no medio rural”, denunciou xa naquel momento Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego.
Dende o Sindicato Labrego Galego agardamos a resposta da Consellería do Medio Rural respecto ás incorporacións de 2026, pedimos a resolución da convocatoria de 2025 e levaremos este tema á xuntanza do PEPAC citada para o 30 de abril. Hoxe, no Día da Terra, preguntámonos: Sen labregas, quen vai alimentarnos no futuro?
