Novas

  • Solicitámoslle á Consellería a convocatoria urxente da Mesa da Carne ante a baixada dos prezos que está a vivir o sector

    Solicitámoslle á Consellería a convocatoria urxente da Mesa da Carne ante a baixada dos prezos que está a vivir o sector

    • 24,Xul 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • acordo ue-mercosur
    • COAG
    • mesa da carne
    • sindicato labrego galego
    • vacún de carne
    • Dende o SLG pedimos a actuación inmediata da Xunta de Galicia ante a crise que vive o sector do vacún de carne, que pode empeorar nas vindeiras semanas. As gandeiras e os gandeiros demandan prezos xustos e o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.

    • Dende a COAG -da que o SLG fai parte- solicitouse unha reunión á Secretaria Xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria do Ministerio de Agricultura para analizar a posible activación da cláusula de salvagarda contemplada no Acordo UE-MERCOSUR.

    Galiza, 24 de xullo de 2026. O sector do vacún de carne está a vivir unha situación delicada marcada pola caída dos prezos en orixe, especialmente dende maio. Como denunciamos dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLC-CCLL) na rolda de prensa o pasado martes 7 de xullo en Compostela, o descenso do consumo polo elevado prezo que este acadou nos lineais, o peche das exportacións cara a terceiros países como Marrocos, a subida dos prezos dos insumos como o gasóleo ou os fertilizantes e a influencia dos tratados de libre comercio levaron a que o sector atravese un momento preocupante.

    Agora vémonos na obriga de volver a denunciar unha baixada dos prezos. Xusto onte, no Mercado Nacional de Gando de Amio, en Compostela, por poñer un exemplo, asistimos ao descenso en todas as categorías e tamén nas cotizacións da IXP Ternera Gallega, diminuíndo, tanto en tenreira galega normal como en suprema, e no descenso do prezo do gando e da recría.

    Convocatoria inmediata da Mesa da Carne e prezos xustos

    Dende o SLG pedimos a actuación inmediata da Xunta de Galicia ante a crise que vive o sector do vacún de carne, que pode empeorar nas vindeiras semanas. A comezos de xuño, o Sindicato Labrego iniciou unha campaña para que o sector de vacún de carne coñeza a súa realidade e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas dentro da IXP Tenreira Galega. A través dunha enquisa destinada ás gandeiras e aos gandeiros, recollemos as súas demandas e peticións, nas cales fixeron énfase na importancia de loitar por uns prezos xustos para as persoas produtoras e que non estean en mans da industria e distribución.

    Solicitámoslle con urxencia á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa da Carne co fin de acordar dunha vez por todas unhas canles para establecer uns custos de produción e desenvolver a Lei da Cadea Alimentaria no noso país. Xa perdemos a conta das veces que realizamos esta petición. Pero volveremos facela unha e outra vez até que, ao fin, a Xunta de Galicia reaccione e atenda as demandas das labregas e dos labregos de Galiza: precisamos prezos xustos e o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.

    Acordo UE-MERCOSUR: Solicitude de reunión co Ministerio de Agricultura

    Ademais, no día de onte, dende a Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG) -da que o Sindicato Labrego Galego facemos partesolicitamos unha reunión coa Secretaria Xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Ana Rodríguez Castaño, na que poder valorar conxuntamente a posibilidade de que Estado español, como Estado membro da Unión Europea, poida pedir nas próximas semanas á Comisión Europea o inicio dunha investigación que permita facer un uso rápido e eficaz das cláusulas bilaterais de salvagarda contempladas no Acordo UE-MERCOSUR co obxectivo de contrarrestar os efectos negativos das reducións arancelarias no sector vacún que xa están a sentirse nas cotizacións dos bovinos nas principais lonxas do Estado.

    Segundo as nosas estimacións, o incremento das importacións na UE de carne de vacún entre xaneiro e abril xa supera en máis dun 30% a media das importacións no mesmo período dos tres anos anteriores, mentres que a caída do prezo medio das devanditas importacións respecto á media dos tres anos anteriores xa está a rozar o 5%”, subliñou a labrega e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, Secretaria de Relacións externas, organizacións e movementos sociais da nosa organización e Responsábel na Comisión Executiva da COAG.

    Aumento das importacións

    O pasado 1 de maio comezou a aplicarse de xeito provisional o Acordo Comercial Interino (ITA) do Acordo UE-MERCOSUR, un dos dous instrumentos xurídicos que conforman a arquitectura deste tratado bilateral de libre comercio, e que inclúe a redución de aranceis cuxos nefastos efectos xa están a impactar no sector vacún de carne en Galiza e no Estado español.

    En 2026 incrementáronse as importacións españolas de carne de Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai un 340% respecto ao mesmo período de 2025, pasándose de 1.838 toneladas de carne de vacún importadas entre xaneiro e maio do ano pasado a 8.104 toneladas este ano. Un 69% destas importacións procederon do Brasil, país recentemente sinalado pola Comisión Europea nun informe de auditoría sobre os deficientes controis sanitarios aplicados á carne bovina destinada a exportación en relación ao uso de hormonas na cría do gando (prohibido na UE).

    O descenso do prezo

    Se na semana 1 de 2026 o prezo medio do conxunto de categorías de bovinos vivos no Estado español foi de 386,18 €/kg de peso vivo segundo o MAPA, na semana 28 este prezo descendeu até os 337,45 €/kg de peso vivo, un 13% menos. A baixada sentiuse en todas as categorías monitorizadas semanalmente polo MAPA (becerro AR3, vacas DO, xovencas ER, tenreiras ZR, frisóns de menos de 1 mes, cruzados de menos de 1 mes e pasteiros de 6-12 meses), tal e como pode constatarse nos informes publicados semanalmente polo Ministerio.

    Por todo iso, solicitouse unha reunión bilateral na que poder valorar co Ministerio, por unha banda, a posible activación das cláusulas de salvagarda do Acordo analizando os datos provisionais de importacións dos meses de maio, xuño e xullo que manexe o MAPA e, doutra banda, as medidas para adoptar en relación á prohibición das importacións de carne procedentes do Brasil a partir do próximo 3 de setembro. “Trátase de dúas cuestións directamente relacionadas coa nosa soberanía alimentaria e nas que cremos que hai que poñer o foco”, sinalou Isabel Vilalba.