
18/01/2024
Solicitamos unha moratoria para todas as granxas e a exención das pequenas e medianas na aplicación da nova normativa agrogandeira
A Consellaría do Medio Rural renunciou a traballar co Ministerio para adecuar esta normativa á realidade produtiva galega. Eivas nas aplicacións informáticas, carencia de persoal técnico e incremento de gastos aumentarán as dificultades das granxas
A produtora de fabas de Lourenzá, gandeira de vacún de leite e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba; a gandeira de vacún de leite e economista especializada en políticas agrarias no SLG-CCLL, Ana Rodríguez e o técnico do SLG Andrés Castro explicaron esta mañá en rolda de prensa en Lugo as consecuencias que para as granxas galegas terá a entrada en vigor de numerosa nova normativa de inminente aplicación.
Estes requisitos, publicados polo Goberno central, contaron cun período de alegacións durante o cal a Xunta de Galicia podía, e debía, ter achegado alegacións para axustar os requirimentos á realidade do noso territorio. Dende o Sindicato Labrego Galego realizamos no seu momento as nosas achegas aos textos do Ministerio e instamos á Consellaría a asumir o seu traballo realizando as propostas e modificacións necesarias para a súa adecuación ás granxas galegas.
O Caderno Dixital, a aplicación localizada de xurros, o plan de abonado ou a elaboración dun Plan Sanitario Integral son algúns da multitude de novos requisitos que están entrando ou van entrar en vigor para maioría das granxas. Para as medianas e pequenas granxas, maioritarias no modelo produtivo galego, este inminente acrecentamento da xa de por si complicada carga burocrática conlevará consecuencias que impactan directamente na súa viabilidade ao implicar en moitos casos a realización de investimentos.
Por unha banda, esta multitude de requisitos de seguimento técnico resultan practicamente imposíbeis de incorporar á xornada de traballo das persoas produtoras de alimentos, nomeadamente daquelas granxas que podemos cualificar como “familiares” -que conforman na súa maioría o sector primario galego-. A realidade é que a meirande parte veríase na obriga de contratar axentes externos que dean conta de todos os procedementos requiridos -unha sorte de privatización encuberta de servizos que consideramos deberían ser públicos-, incorrendo en inda máis custos, nun contexto no que a alza constante de prezo dos insumos ten colocado xa nunha situación económica moi complicada grande parte delas.
Por outra, algunhas destas esixencias implican a contratación de perfís técnicos que escasean no noso país, tales como os de inxeñaría agrícola ou persoal veterinario, do que a propia Xunta de Galicia argumenta carencia por exemplo cando solicitamos máis celeridade e control na administración da vacina da lingua azul. Se a administración pública non é quen de atopar veterinarias/os, máis difícil o terán as persoas produtoras de alimentos. Semella ademais que existe un grande descoñecemento de como funciona o sector. A día de hoxe, por exemplo, é moi habitual que nunha granxa de leite haxa unha veterinaria/o nutricional, outra para o control da calidade de leite, a reprodución, a certificación de benestar, persoal da Asociación de Defensa Sanitaria e Gandeira... Aos que se engaden os clínicos que teñen de referencia habitual. A este paso vai haber máis persoal sanitario nas explotacións do que poderemos atopar nalgún hospital comarcal.
A carencia de medios afecta tamén a cuestións como a xestión de xurros, un requisito que como mínimo implica un custo de 15.000€, e no que as empresas que realizan este servizo acumulan demoras ante a escasez de cisternas. Abondando no incremento de custos, no tocante ás analíticas, para as cales a administración inda non estableceu laboratorios de referencia, unha análise de perfil básico e granulometría do solo custa arredor de 40€ por parcela, 45€ o perfil básico de esterco e outros fertilizantes orgánicos e 50€ o de xurro.
Ademais, a totalidade das esixencias asociadas a esta nova normativa implican a realización de xestións dixitais, cuestión sobre a que dende o SLG-CCLL temos chamado reiteradamente a atención dada a significativa fenda dixital que afecta ás traballadoras e traballadores do sector primario, onde o 66% das persoas xefas de explotación superan os 55 anos (INE, 2023). Por se fora pouco, as aplicacións informáticas activadas para a realización destas xestións presentan numerosas eivas. No que respecta por exemplo ao Caderno Dixital, o portal XEAGA (Xestión de Explotacións Agrarias de Galicia) está inda en fase de desenvolvemento e presenta erros de funcionalidade básica.
No tocante aos pretendidos obxectivos medioambientais que deberían subxacer nestas medidas, dende o SLG-CCLL lembramos que os problemas de contaminación vinculados á produción de alimentos están directamente relacionados co modelo de macrogranxas, non co de pequenas e medianas granxas e a produción ecolóxica, que precisamente contribúen aos coidado das contornas nos que se asentan. O incremento de medidas de control e seguimento neste sentido debería polo tanto centrarse no modelo agroindustrial de produción de alimentos, do cal as súas consecuencias negativas para a biodiversidade e as persoas están constatados.
Habida conta de que a propia administración pública, tanto galega como estatal, non foi quen de activar un escenario de traballo no que tan sequera estas novas esixencias sexan posibles de levar adiante -habida conta das carencias técnicas e de persoal enumeradas-, e ante a constatación do significativo incremento de gastos que para as labregas e labregos suporía o estrito cumprimento dos mesmos, dende o SLG-CCLL solicitamos unha moratoria para tódalas granxas e a exención das pequenas e medianas, así como a paulatina incorporación das adecuacións normativas á nosa realidade, na liña das alegacións rexistradas no seu momento polo Sindicato Labrego e que precisamente pretendían evitar chegarmos a situación que estamos tendo que enfrontar agora.