Cruce datos SS-Facenda

30/05/2024

Solicitamos coordinación entre a Axencia Tributaria e Facenda a fin de eliminar trámites innecesarios ás traballadoras autónomas

A Tesourería Xeral da SS require ás persoas labregas achegar varios datos que xa obran en poder da Administración pública. O continuo incremento de cargas burocráticas reduce as horas dispoñibles para o traballo efectivo nas explotacións agrarias

Nas últimas semanas a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS) está a enviar ás persoas afiliadas á Seguridade Social en función da súa actividade agraria unha comunicación escrita advertindo que se trata de “información importante para o destinatario/a” e requirindo documentación para “facilitar” a regularización das cotizacións á Seguridade Social como persoa autónoma.

O Real Decreto 322/2024, de 26 de Marzo –abonda esta comunicación – establece que as persoas traballadoras por conta propia deberán comunicarlle á TXSS, antes do 30 de Xuño deste ano, unha serie de datos: a) a razón social ou NIF das sociedades ou comunidades de bens das que formen parte; b) se teñen o cargo de conselleiro/a ou administrador/a ou prestación de outros servizos para a sociedade e c) a porcentaxe de participación no capital social nas sociedades ou comunidades de bens das que formen parte, indicando a tales efectos as canles a través da SEDESS que deben ser empregados para achegar esta información.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) chámanos a atención o feito de que a comunicación que están recibindo entidades xestoras argumente a maiores que a realización desta demanda “evitará trámites posteriores”, cando en si mesmo o feito de que a Seguridade Social estea requirindo esta información obriga ás persoas afectadas a facer varias xestións para trasladar unha serie de datos que xa obran en poder da Administración pública, e que poderían ser automaticamente transferidos previo consentimento da persoa titular dos mesmos, como é habitual noutras moitas circunstancias.

A fin de avanzar no establecemento de dinámicas que permitan racionalizar a cada vez máis desproporcionada carga burocrática dixital á que teñen que facer fronte as persoas traballadoras das explotacións agrarias, a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, vén de solicitar unha entrevista ca Delegación do Goberno na Galiza para abordar esta problemática concreta.