29/04/2024
Solicitamos á Xunta de Galicia que confirme o seu compromiso de ampliar o prazo de solicitude da PAC
A Orde da PAC publicouse un mes tarde, a aplicación informática fallou durante todo o proceso. O Ministerio xa ampliou o prazo. E seguimos sen cobrar os ecorreximes. Nunca o cobro dunha axuda do primeiro piar da PAC se demorara tantos meses
Compostela, 29 de Abril 2024. O día 8 de marzo publicouse no DOG a orde de 27 de febreiro de 2024 pola que se regulan a aplicación dos pagos directos a agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, o que coñecemos como solicitude única da Política Agraria Común e que en Galiza, e que solicitan 25.000 persoas. No artigo 16 da orde figura como prazo de presentación o día 30 de abril de 2024, é dicir, mañá.
Considerando que a Orde publicouse un mes tarde e que a aplicación a través da que se tramita a PAC non funcionou correctamente hasta practicamente o mes de abril, parece que estabamos de acordo nós e as Administracións (Consellería do Medio Rural e Ministerio de Agricultura) en que había que ampliar o prazo.
Así, o pasado 24 de abril o Ministerio publicou no Boletín Oficial do Estado unha modificación de Real Decreto 1048/2022 establecendo novos prazos de aplicación da solicitude única 2024, especificando que serían os mesmos en todas as comunidades autónomas, sendo estes os seguintes:
• Fin de Presentación da Solicitude Única: 31 de maio
• Fin de prazo de Modificación da Solicitude Única: 15 de xuño
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitamos á Consellaría que aclare se esta publicación no BOE debe ser entendida como unha confirmación da ampliación dos devanditos prazos ou se é precisa a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, de ser así, que proceda á realización deste trámite á maior brevidade posible.
Outra cuestión que preocupa é que aínda están sen resolver os ecorreximes do ano 2023. Se fai catro meses xa era un escándalo que a Xunta de Galicia non tivera tan sequera iniciado trámites para efectuar este pago, agora xa rozamos o esperpento porque estamos en maio e o prazo remata o 30 xuño e nunca os pagos se demoraran tantos meses.
Os ecorreximes son unha nova axuda que desde a Consellería insistiron en que pediramos pero que aínda non sabemos como é. O único que sabemos é que o Ministerio rebaixou moito os importes previstos e que Galiza foi unha das Comunidades Autónomas na que menos ecorreximes se pediron. É dicir, os importes van ser moi pequenos, se cadra insuficientes para compensar o tempo e esforzos que as persoas labregas temos que invertir nas tarefas burocráticas que implica a súa solicitude.
Unha vez máis, á vulnerabilidade económica que padecen as granxas galegas por mor da falta de apoio das administracións públicas para garantir prezos xustos para os nosos produtos, engádense ás dificultades derivadas das eivas nos procedementos administrativos, neste caso ademais nunha cuestión esencial como son as solicitudes da Política Agraria Común (PAC).
O atraso na publicación da Orde, as constantes incidencias técnicas na aplicación informática esixida para a súa tramitación e, agora, a incerteza ante a prórroga de prazos dificultan o día a día e engaden preocupacións ás persoas produtoras de alimentos. Instamos ás administracións públicas a facer un exercicio de responsabilidade e subsanar de contado o mal funcionamento de cuestións de procedemento que dependen delas directamente.