17/11/2022
Solicitamos a revisión de oficio das denegacións do complemento de alugueiro a persoas con pensións non contributivas
A denegación a unha muller maior que reside dende 1973 na mesma vivenda apunta discriminación deste colectivo vulnerábel. A vogal do SLG-CCLL no Consello Galego de Benestar Social alerta á Valedora do Pobo da posíbel existencia de máis casos
A vogal do Consello Galego de Benestar en representación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, Margarida Prieto Ledo, vén de se dirixir a este órgano, así como á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e á Valedora do Pobo, para alertar da existencia de casos de persoas en condición de vulnerabilidade social perceptoras de pensións non contributivas ás que a Administración pública está a denegar unha cuestión fundamental para a súa supervivencia como é o complemento por alugueiro.
O argumento para esta denegación é “non ser o titular do contrato de arrendamento na data da solicitude e non aportar ningunha documentación na que figure como titular dun contrato de aluguer”. Porén, como salienta a vogal do SLG no Consello Galego de Benerstar, con esta resposta a Administración está incumprir as pautas de xustificación estipuladas na normativa correspondente, neste caso o Real Decreto 1191/2012, de 3 de agosto, por el que se establecen normas para el reconocimiento del complemento de pensión para el alquiler de vivienda a favor de los pensionistas de la Seguridad Social en su modalidad no contributiva, que establece claramente que no caso de contratos de arrendamento non formalizados por escrito a condición de persoa arrendataria pode ser acreditada por calquera medio de proba válido en dereito.
A meirande parte das persoas que se atopan nesta situación teñen unha idade avanzada, e levan residindo na súa vivenda dende fai anos, con algueiros de renda antiga que no seu momento foron contraídos a través dun contrato verbal, polo que ante a posibilidade de que existan máis persoas nesta situación dende o SLG-CCLL demandamos que se revisen as denegacións.
O caso que fixo saltar as alarmas no SLG-CCLL foi o dunha muller de leva vivindo e pagando alugueiro na mesma vivenda en Vigo dende o ano 1973, e cobrando o complemento por alugueiro dende fai máis de dez. Non ten contrato firmado, ao tratarse dun contrato verbal de fai moitos anos. No expedente figura a documentación xustificativa que enviaba todos os anos, como a cédula de habitabilidade cos datos da arrendadora e arrendataria, orden de trasferencia bancaria, un recibo de pago, solicitude de exención de taxas de recollida de lixo... etc.
Sen embargo, por parte da delegación de Vigo requeriuselle varias veces “copia electrónica autentificada do contrato de aluguer asinado por ambas partes, no que figure a data do contrato a localización da vivenda a identificación do arrendador e do arrendatario e a duración do contrato”. Esta muller enviou toda a documentación que posuía para xustificar que tiña o arrendamento, no seu caso verbal, pero ao contrario que en anos anteriores, ningunha documentación lle foi admitida.
Dada a gravidade deste caso, de que poida ser unha discriminación extendida a este colectivo vulnerable, conformado maiormente por persoas maiores con baixos recursos, e ante a sospeita de que poida haber moitos máis expedentes na mesma situación dende o SLG-CCLL puxemos os feitos en coñecemento das correspondentes admistracións e solicitamos que sexa revisado de oficio tanto este expedente como outras denegacións concurridas en situación similar.
Habida conta de que tanto a Xefatura Provincial de Politica Social en Vigo como a Xunta de Galicia están até o dagora negándose a realizar esta supervisión obviando que a documentación que obra no expedente da muller afectada debería ser tomada en conta para xustificar o alugueiro, solicitamos que por parte do Consello Galego de Benestar Social se inicien os trámites diante do departamento que corresponda da Consellería de Política Social para que á maior brevidade posible se investigue o caso concreto denunciado, aclarando se se actuou conforme a legalidade e de non ser así que se revise de oficio o expedente aprobando o complemento solicitado. De corresponder a aprobación do complemento, demandamos que se comprobe se hai máis expedentes na mesma situación, nesa delegación e en todas as da Galiza. Asemade pedimos que se dea conta na próxima reunión do Consello destas actuacións e do resultado das mesmas.