Prórroga

02/09/2024

Solicitamos a prórroga da vacinación da lingua azul ata que a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica estea controlada

Pedimos que se permita levar aos animais sans a matadorio e a outros destinos sen pauta completa de vacinación lingua azul. Os efectos negativos nos animais enfermos de EHE xustifican a recomendación veterinaria de non vacinar da lingua azul

A Consellaría do Medio Rural (CMR) vén de sacar unha nova prórroga ata o 8 de setembro que permite ás granxas levar ao matadoiro -e a outros destinos como mercados, reprodución, etc.- animais sans sen a pauta de vacinación completa en lingua azul, unha doenza que, ao igual que no caso da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, non se transmiten ás persoas.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas solicitamos á CMR a ampliación deste permiso até que sexa confirmada unha baixada significativa de casos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), que neste momento está en plena expansión chegando a cada vez máis comarcas galegas.

De feito, naqueles territorios nos que hai moitos casos de EHE o propio persoal veterinario está recomendando como mínimo un adiamento da vacinación da lingua azul. Esta posición é tamén compartida pola propia Consellaría, que ten indicando que nos casos de afección por EHE había liberdade para realizar a vacinación no momento máis idóneo.

Como temos trasladado publicamente e á propia Consellaría, dados os efectos secundarios negativos que están a provocar tódalas versións da vacina da lingua azul postas en circulación até o momento, á vista de que unha parte importante da cabana gandeira pasa esta doenza sen apenas síntomas e que esta non é unha enfermidade que as reses podan transmitir aos seres humanos, consideramos que se debe paralizar a vacinación nas zonas afectadas por EHE ou, canto menos, prorrogar a liberdade das granxas para poder decidir sobre a mesma até que a incidencia da EHE estea controlada.