Novas

  • Solicitamos a intervención urxente da Xunta e do Ministerio ante a baixada dos prezos na renovación dos contratos do leite e demandamos o cumprimento inmediato da Lei da Cadea

    Solicitamos a intervención urxente da Xunta e do Ministerio ante a baixada dos prezos na renovación dos contratos do leite e demandamos o cumprimento inmediato da Lei da Cadea

    • 31,Mar 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Renovación de contratos do leite
    • sindicato labrego galego
    • Hoxe é o último día que as gandeiras e os gandeiros de Galiza teñen para asinar a proposta de renovación de contratos do leite que as industrias lácteas lle ofreceron con prezos á baixa. Detectamos unha diminución que vai de entre os 4 até os 10 céntimos/litro.

    • Analizados os datos dos prezos que percibirán algunhas das granxas galegas por mor dos novos contratos coas empresas, encontrámonos con perdas, nun prazo de 4 meses para aquelas que vendan 200.500 litros, dende 9.824.5 euros até 15.037,5 euros.

    • Presentouse unha denuncia diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e competencia para que tome medidas, onde salientamos a necesidades de afondar nos mecanismos de control e establecemento dos custos de produción.

    Galiza, 31 de marzo de 2026. Hoxe, 31 de marzo, é o último día que as gandeiras e os gandeiros de Galiza teñen para asinar a proposta de renovación de contratos do leite que as industrias lácteas lle ofreceron con prezos á baixa. Durante estas semanas, detectamos unha diminución no prezo que vai de entre os 4 até os 10 céntimos/litro. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) pedimos a intervención urxente da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ante esta problemática, que compromete o futuro das granxas. O 14 de marzo a administración anunciou nun comunicado que “Medio Rural reforzará os controis para vixiar a renovación de contratos do leite e reclama corresponsabilidade ás industrias no futuro do sector”. Dende o SLG preguntámonos que seguimento se está a facer deste tema a 31 de marzo, xa que os datos que extraemos das persoas gandeiras do Sindicato Labrego Galego amosan un descenso importante no importe.

    A forte baixada

    O SLG alertou arredor deste tema dende a chegada das primeiras ofertas no mes de xaneiro, nun contexto, ademais, de peche de granxas por todo o país. Esta ameaza materializouse a mediados de marzo cando Lactalis fixo chegar ás granxas a proposta definitiva de contrato para os próximos catro meses. Unha proposta que recolle unha forte baixada no prezo/litro de leite. Este envío foi o inicio. Tras el, máis empresas foron mandando as súas propostas definitivas ás granxas, de forma que a día de hoxe, o último día da renovación de contratos, moitas labregas e labregos vense na obriga de asinar contratos que, en moitos casos, non chegarán a cubrir os custos de produción.

    Analizados os datos dos prezos que percibirán algunhas das granxas galegas por mor dos novos contratos coas empresas, encontrámonos con perdas, nun prazo de 4 meses para aquelas que vendan 200.500 litros, dende 9.824.5 euros até 15.037,5 euros. No caso das industrias máis grandes, o importe da diminución por litro depende da produción da granxa xa, que seguen tendo unha prima por volume. No caso doutras industrias, a baixada chega aos 10 céntimos. Dende o Sindicato Labrego chámanos especialmente a atención o caso de CAPSA. Por que en Asturias, por exemplo, non hai baixada de prezo pero si en Galiza. A diferenza é ser galega ou galego?, cuestionámonos.

    A Lei da Cadea

    A Lei de Cadea Alimentaria (Lei 12/2013), 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, no seu artigo 9.bis sobre negociación comercial recolle que “as negociacións comerciais anuais pecharanse e asinarán polas empresas intervenientes no marco duns prazos razoábeis, non superiores aos tres meses dende o seu inicio, para a organización de actividades, sen que a dilación indebida das mesmas imputábel a unha parte poida utilizarse para debilitar a posición da outra na devandita negociación (…) No caso de que estea prevista a renovación do contrato alimentario, negociaranse as novas condicións comerciais antes do vencemento do contrato en vigor ou no prazo dos dous meses posteriores ao seu vencemento. Durante este tempo, seguirá vixente o contrato anterior, pero poderase pactar que as novas condicións comerciais retrotraían o seu efecto até o vencemento das anteriores condicións”.

    Polo tanto, unha negociación “estándar” debe durar como máximo 3 meses. Se a negociación é para unha renovación de contrato, é posíbel contar cun prazo de 2 meses tras o vencemento do contrato anterior e, neses 2 meses, seguen en vigor as condicións do contrato prorrogado. Con todo, poderían “pactarse” que as novas condicións tras eses 2 meses tivesen efectos retroactivos. En resumo, reparamos en que a lei prevé esta prórroga dos contratos, e o que estamos a ver coa renovación actual e, sen lugar a dúbidas, unha situación de abuso.

    Solicitamos a intervención da Xunta e do Ministerio

    Dende o SLG resaltamos que, con carácter inmediato o Goberno central e a Xunta deben facer cumprir a lei da cadea. Unha baixada tan forte nos contratos, xunto á subida dos custos de produción que estamos vivindo -suba do gasóleo, fertilizantes, etc-, non cumpre co requisito da lei de que non vendamos a perdas. As propostas están por baixo dos custos de produción e, polo tanto, son ilegais.

    Por ese motivo, concentrámonos o 23 de marzo ás portas da fábrica de Lactalis en Vilalba, amosando o rexeitamento do SLG á baixada proposta nos contratos do leite. Ademais, presentouse unha denuncia diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e competencia para que tome medidas, onde salientamos a necesidades de afondar nos mecanismos de control e establecemento dos custos de produción.

    O pasado 27 de marzo celebramos o Congreso do Sector Lácteo do SLG-CCLL. Nel o responsábel do Sector do Leite do SLG, Manolo Villaverde, afirmou que “o alimento con máis marca de Galiza é o leite e iso non temos que esquecelo nunca. Moita xente que está aquí traballa arreo por iso. A baixa do prezo do leite é unha das preocupación activas neste momento dentro da nosa organización e, por iso, solicitámoslle ás administracións competentes que tomen medidas no asunto. En caso contrario, seguiremos mobilizándonos nas rúas na defensa nas nosas gandeiras e gandeiros, do noso leite, do noso medio rural.