11/11/2024
Solicitamos á Fiscalía que investigue posibles casos de prevaricación na xestión administrativa da mina San Acisclo (Muras)
O TSXG vinculou á Consellería de Economía, Industria e Innovación con ilegalidades que favoreceron á empresa mineira. Tres directores xerais da Xunta de Galicia serán investigados polas irregularidades detectadas na xestión deste proxecto
A Fundación Montescola e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) veñen de presentar unha comunicación á Fiscalía solicitando a investigación de posibles casos de prevaricación na tramitación da transmisión das concesións e na aprobación do proxecto de explotación da Mina San Acisclo do grupo Urbas no concello de Muras, que de seren confirmadas poden ser constitutivas de infraccións penais.
O pasado mes de setembro, logo dunha intensa loita levada adiante pola veciñanza e organizacións sociais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) procedeu a anular a autorización mineira outorgada á empresa promotora, Materiales Cerámicos Materias Primas, S.L., por parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
No seu contundente fallo xudicial, o TSXG confirmou que a Consellaría non só “ignorou todas as anomalías que xa constaban -merecedoras da paralización dese procedemento para incoar un de caducidade-”, senón que tampouco someteu o proxecto á preceptiva avaliación ambiental estratéxica ordinaria. O Tribunal concluíu textualmente: “Esta anómala actuación autonómica non resulta en modo algún compatible co claro mandato que ás administracións públicas impón o artigo 103.1 da Constitución Española de suxeitar as súas actuacións a lei e o dereito, o que neste caso se vulnerou de forma flagrante por parte da Consellería de Industria”.
Esta sentenza puxo polo tanto en evidencia o cúmulo de ilegalidades no que incorreu o procedemento -e que vimos denunciando dende o ano 2020, cando tivemos coñecemento deste proxecto a través dos medios de comunicación-, se ben non se pronunciou sobre as responsabilidades penais, por tratarse dun recurso contencioso-administrativo.
Como avanzamos en rolda de prensa conxunta, Fundación Montescola e Sindicato Labrego Galego pedimos agora á Fiscalía que investigue aos tres directores xerais da Xunta de Galicia que interviron persoalmente no procedemento, así como aos funcionarios que con posterioridade tentaron encubrir esta actuación ilegal.
Solicitando a intervención da Fiscalía aspiramos a concretar a presunta responsabilidade dun delito continuado de prevaricación por parte dos sucesivos directores xerais de Enerxía e Minas que aprobaron transmisións e permitiron o mantemento dos dereitos mineiros a pesares de coñecer a súa ilegalidade, existindo informes que advertindo deste feito.
Como vimos alertando dende fai anos, este expediente sempre estivo cheo de irregularidades, destacando o feito de que as concesións estaban caducadas e que o proxecto non fora sometido a unha avaliación de impacto ambiental a pesares de afectar a terreos da Rede Natura 2000 situados en plena Reserva da Biosfera.
As sospeitas iniciais sobre as irregularidades acrecentáronse cando a Xunta demorou meses en resolver as solicitudes de información, retendo documentos chave que expuñan a actuación dos altos cargos a pesar da existencia de informes de funcionarios da Consellería que alertaban de que as concesións mineiras estaban caducadas. De feito, o SLG tivo que acudir á Valedora do Pobo para forzar á Xunta a entregar os documentos.
Son moitos os exemplos de conivencia administrativa con empresas privadas na Galiza, comezando pola propia modificación lexislativa imposta pola Xunta de Galicia para facilitar a instalación de proxectos industriais e extractivos no noso medio rural a través das comunmente coñecidas como “Leis de Depredación”. As organizacións sociais e a veciñanza afectada imos seguir denunciando e impedindo a Administración galega se posicione ao servizo das grandes empresas espoliadoras de recursos naturais, saltándose os procedementos legais establecidos, poñendo en risco a vida da veciñanza de Muras, poñendo en risco as súas actividades produtivas, como a produción de alimentos, e por suposto o noso medio natural. Temos a responsabilidade como sociedade de denunciar estas prácticas, que por desgraza levamos anos sufrindo moitos anos.