19/08/2024
Solicitamos á CMR a convocatoria urxente dunha mesa de traballo para abordar a crise da Ribeira Sacra
Preocupa no sector que a día de hoxe a Consellaría e o Ministerio permanezan inmóbiles observando o grave deterioro desta DO. Limitar plantacións, poda en verde, estudo de custos, promoción e estratexias de adaptación, algunhas das propostas do SLG
Como vimos alertando dende fai meses e así trasladamos na reunión mantida ca Conselleira do Medio Rural María José Gómez Rodríguez, no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estamos moi preocupadas pola situación na que están os viticultores e viticultoras da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra.
Porén, vai xa unha semana desta xuntanza e a Consellaría (CMR) non fixo pública absolutamente ningunha medida de apoio ao sector nin se pronunciou sobre como vai ser a folla de ruta a seguir para impedir o impacto da bomba de reloxería que temos na Ribeira Sacra.
A día de hoxe non nos consta que se teña feito absolutamente nada para atallar esta circunstancia. É máis, a propia Conselleira advertiu na devandita reunión que dubidan moito de poder lanzar a orde de destilación de crise, tanto por mor da propia descoordinación entre a Consellaría e o Ministerio como por non ser unha proposta do gusto das adegas. Noutras comunidades autónomas si que xa está convocada.
Como é sabido, a principal adega da DO en canto ao volume que compra, Rectoral de Amandi, non vai recoller ningunha uva, o que deixa na ruína a moitos viticultores e viticultoras e vai facer que esas viñas queden abandonadas. Tamén outras das adegas máis grandes van mercar menos, o que contribúe a agravar a situación posto que vai ser practicamente imposíbel vender a uva sobrante.
Cómpre ter en conta que as persoas ás que están avisando de que non lle recollen a uva non son precisamente persoas xubiladas con 2.000 quilos de uva: temos viticultoras/es con catro hectáreas en produción ás que non lle van recoller.
Non se están a facilitar os datos oficias de compra de uva das distintas adegas, pero temémonos que as cifras que se están barallando dun millón de quilos aínda van quedar curtas se Rectoral non recolle.
Un millón de quilos na DO Ribeira Sacra sen vendimar supón unha auténtica catástrofe.
Sen viticultura é moi difícil que outras actividades como a turística se manteñan xa que a promoción da zona faise en boa medida pola paisaxe, polo que a desaparición de socalcos en produción afecta moito máis alá do sector vitivinícola.
A situación do sector do viño é complicada a nivel de toda Europa, non é só unha cuestión da DO Ribeira Sacra. Por iso dende o Sindicato Labrego Galego temos claro que precisamos, por unha banda, medidas de urxencia e, por outra, actuacións a medio prazo: para o ano 2025 é necesario empezar a traballar xa.
Como accións urxentes propoñemos polo tanto a creación inmediata dunha mesa de traballo para poñer enriba da mesa todas as opcións que podemos ter e ver cales poden ser mellores ou cales se poden realizar na Ribeira Sacra ou se se precisan todas.
Pola nosa banda, consideramos que para intentar salvar a DO deberíase afondar e tratar con prioridade as seguintes actuacións:
-
Poda en verde e baixar rendementos.
-
Destilación de crise
-
Limitar plantacións
-
Campaña de promoción importante diferenciando a DO Ribeira Sacra
-
Mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO
-
Estudio de custes da produción de uva na Ribeira Sacra
-
Estratexias de adaptación a novos hábitos de consumo.
Dende o SLG-CCLL urximos polo tanto á convocatoria inmediata dunha mesa de traballo con representación de tódolos axentes implicados para poder deseñar un plan de actuación que salve a viticultura da Ribeira Sacra e realmente impulse un modelo economicamente sostíbel para as persoas produtoras, respectuoso ca natureza e presevador da cultura vitivinícola que caracteriza esta zona e que tamén supón unha riqueza para o noso país.