18/09/2024
Solicitamos a Catastro a simplificación dos trámites burocráticos vinculados aos cambios produtivos das fincas na PAC
O SLG reuniuse esta mañá con persoal técnico do Catastro para trasladar as incidencias e que está a ter esta actualización. A frecuencia no cambio produtivo das parcelas require dun procedemento áxil que minimice estas xestións administrativas
Hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) mantivo unha reunión telemática cos responsábeis da xerencia rexional do Catastro en Galiza.
Realizada a petición do SLG, nesta reunión trasladamos aos responsábeis do Catastro as dúbidas e preocupacións das persoas titulares de parcelas rústicas que son declaradas na Política Agraria Común (PAC), así como as dificultades xeradas pola campaña de actualización catastral que esta administración está facendo ligada á actualización de cultivos daquelas parcelas declaradas na PAC e que viran alterado o cultivo respecto da situación anterior que consta en Catastro -actualización da que ata o momento se exclúen os outros tipos de parcelas-.
As modificacións realizadas por cambio de cultivo orixinan una notificación que conleva unha actualización do valor catastral, pero dado que as granxas fan cambios continuados de cultivo non resulta funcional que se estea cambiando cada pouco tempo a declaración de cultivos no catastro. Estas incidencias véñense dando dende fai polo menos dúas campañas, e teñen a súa orixe na autorización para a cesión (obrigatoria) de datos cando se realiza o trámite da PAC.
Na reunión o SLG trasladou a conflitividade que xera este aumento da carga burocrática para as persoas que viven no medio rural -cunha elevada taxa de envellecemento e acceso limitado aos servizos públicos- e a dificultade que isto supón para a mobilidade de terras e aceso ás fincas, xa que nalgúns casos as persoas propietarias prefiren non arrendar ante o temor a que lles cheguen notificacións que requiran de xestións administrativas. Cómpre lembrar que Galiza ten a menor superficie agraria útil (SAU) de todo o Estado -só un 21%, fronte á media estatal do 45,8%-, polo que é especialmente importante non só evitar agrandar esta carencia, senón tamén facilitar que poda ser ampliada esta porcentaxe.
Solicitamos polo tanto a simplificación deste procedemento e que se reduzan estas notificacións na medida do posible, ao tempo que nos comprometemos a seguir en contacto con Catastro para trasladar novas incidencias.