Esta mañá, na reunión con diversas organizacións agrarias, o Ministerio non amosou ningunha solución efectiva á crise do sector, e pediu ás organizacións que agardemos.
O sector produtor de alimentos está a afogar entre o aumento dos custos de produción, o gasóleo agrícola, as perdas nas colleitas e o abandono por parte das institucións das labregas e labregos que alimenta a todo un país.
Reclamamos a activación das medidas necesarias para afrontar esta crise, no caso contrario, poñeremos en marcha un calendario de accións mobilizadoras. “O que estamos vendo non é algo conxuntural, é algo estrutural, é unha crise do sistema actual de produción de alimentos”, sinala Brais Álvarez, Secretario de Acción Sindical do SLG.
Galiza, 22 de setembro de 2026. Tras a reunión que tivo lugar esta mañá entre o Ministerio de Agricultura e diversas organizacións agrarias, como a Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG), organización coaligada ao Sindicato Labrego Galego– Comisións Labregas (SLG-CCLL), dende o SLG demandamos a actuación inmediata do Ministerio de Agricultura e da Xunta de Galicia ante a crise que está a atravesar o sector, orixinada pola suba de custos de produción, como é o caso do gasóleo agrícola, entre outros custos derivados do sector. Esta mañá, dende o Ministerio non se amosou ningunha solución efectiva á crise, e pediu ás organizacións que agardemos. No Sindicato Labrego Galego solicitamos que se establezan medidas a curto e longo prazo que garantan solucións reais para as granxas. Reclamamos a activación das medidas necesarias para afrontar esta crise, no caso contrario, poñeremos en marcha un calendario de accións mobilizadoras.
As labregas e os labregos afogan
O sector produtor de alimentos está a afogar entre o aumento dos custos de produción, o gasóleo agrícola, as perdas nas colleitas e o abandono por parte das institucións das labregas e labregos que alimenta a todo un país. Pedimos a constitución de mesas de traballo para camiñar cara a desintensificación, porque, como sinala o apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez, “o que estamos vendo non é algo conxuntural, é algo estrutural, é unha crise do sistema e, polo tanto, tamén do sistema actual de produción de alimentos, por iso cómpre camiñar cara a desintensificación”, subliña.
Dende o Sindicato Labrego Galego solicitamos que dunha maneira inmediata se tomen medidas de control sobre os custos de produción, unha petición que levamos demandando dende hai semanas, igual que poñer atención na nova renovación dos contratos do leite. Ás portas dunha nova renovación dos contratos do leite, esiximos melloras no prezo a recibiren as gandeiras e os gandeiros polo prezo do leite, e que estes cubran sempre, tal e como recolle a Lei da Cadea Alimentaria, custos de produción e garantan non vender a perdas.
Renovacións dos contratos do leite, que vai pasar?
Xusto hai unha semana, a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira María Ferreiro; xunto a Manolo Villaverde, gandeiro de Forcarei e responsábel do Sector do Leite do Sindicato Labrego Galego; e á gandeira de Cesuras Eva Rodríguez Rodríguez, vicerresponsábel do Sector Lácteo do SLG, denunciaban en rolda de prensa a crise actual que atravesa o sector lácteo reclamando a recuperación do valor pedido da cadea para afrontar o momento actual. Como sinalaron na rolda, este mes de setembro, a dous meses das novas renovacións dos contratos do sector lácteo, polo de agora non hai mudanzas nas ofertas abusivas das industrias.
O pasado xoves, María Ferreiro compareceu na Comisión non permanente especial de estudo sobre os factores que inflúen sobre o prezo do leite en Galicia e a dificultade de aplicación práctica da normativa en contratación alimentaria no sector do leite, no Parlamento de Galicia, onde, entre outras cuestións, destacou que “poderiamos estar ante outro caso nesta última renovación dos contratos de abril de 2026”, aludindo á gravidade do momento actual e á vindeira renovación.
Actuación da Xunta de Galicia
Ante esta crise, demandámoslle á Xunta de Galicia que active as medidas necesarias para protexer ás produtoras e produtores de alimentos. Nese senso, como xa levamos repetindo dende a semana pasada, pedimos a Xunta active a mesa do sector lácteo e que fixe o custo de produción, garantindo que ningunha gandeira ou gandeiro venda a perdas e que non haxa abusos nas vindeiras renovacións dos contratos do leite. E tamén pedimos que se atenda ao sector da carne e ao resto de sectores produtores, xa que o as labregas e os labregos están atravesando unha crise en canto aos custos de produción, sen que baixe o importe logo nos lineais, e en xeral, no sector produtor galego. Reclamamos activar as medidas necesarias, no caso contrario, poñeremos en marcha un calendario de accións mobilizadoras.

18 Nov 2026

17 Nov 2026
16 Nov 2026
13 Nov 2026

9 Nov 2026
6 Nov 2026