Novas

  • O SLG reivindica a certificación pública e pide ao CRAEGA que resolva o conflito laboral

    O SLG reivindica a certificación pública e pide ao CRAEGA que resolva o conflito laboral

    • 11,Dec 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • agricultura ecolóxica
    • certificación pública
    • conflito laboral
    • consello regulador
    • craega
    • defensa do público
    • público
    • A agricultura ecolóxica é o futuro da nosa terra, polo que consideramos fundamental que o CRAEGA funcione de forma óptima.

    • Estas demandas nacen dunha vontade de mellorar a institución.

    Galiza, 11 de decembro de 2025. A agricultura ecolóxica é fundamental para o futuro do campo galego, e a súa certificación debe seguir sendo pública. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) ten un papel importante para contribuír, dentro das súas competencias, ao medre deste sector. Por esta razón, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), como membros do Pleno do Consello Regulador, facemos unha proposta clara para resolver o conflito laboral que arrastra o organismo e para mellorar o seu funcionamento.

    Solución para as persoas traballadoras

    O CRAEGA arrastra desde hai meses un conflito laboral cos seus traballadores e traballadoras polo traslado forzoso das oficinas de Monforte de Lemos a Lugo, unha decisión tomada no Pleno co voto en contra do SLG.

    Ante as demandas xudiciais contra o Consello, dende o SLG reiteramos o noso apoio ás persoas afectadas, ás que a xustiza xa deu a razón con dúas sentenzas, e pedímoslle de novo ao Consello que reconsidere esta decisión. A nosa intención é a de solicitar a celebración dun novo Pleno no que volveremos defender o mantemento da oficina de Monforte e a reincorporación inmediata das traballadoras e traballadores a esta oficina, algo que en ningún caso é incompatible con manter a sede oficial en Lugo. Na realidade xa existían tres oficinas do CRAEGA e non hai ningunha razón para que non siga sendo así.

    Propoñemos que Monforte de Lemos siga sendo centro de traballo e que os traballadores e traballadoras sexan reincorporados inmediatamente aos seus postos”, afirma María Ferreiro, gandeira e Secretaria Xeral do SLG. “É un tema de localización que se pode resolver facilmente se hai vontade”.

    Agardamos que o resto de organizacións presentes no CRAEGA apoien esta proposta en favor das persoas traballadoras.

    Aposta incuestionable pola certificación pública

    Dende o SLG insistimos en que estas demandas nacen dunha vontade de mellorar a institución, non de descualificala. “Para nós, que sempre defendemos que a certificación ecolóxica sexa pública, o CRAEGA é un organismo fundamental”, subliña Ferreiro. “As nosas críticas son para construír e mellorar as cousas que se poden facer ben“. Como Sindicato, ademais a nosa aposta pola certificación pública do Consello é incuestionable.

    A agricultura ecolóxica é o futuro da nosa terra, por iso insistimos en que consideramos fundamental que o CRAEGA funcione de forma óptima para seguir avanzando no camiño da agroecoloxía.