Novas

  • Dermatose Nodular Contaxiosa: O Sindicato Labrego Galego pide a prohibición temporal da entrada de gando de fóra da Galiza

    Dermatose Nodular Contaxiosa: O Sindicato Labrego Galego pide a prohibición temporal da entrada de gando de fóra da Galiza

    • 23,Out 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
    • crise sanitaria
    • Dermatose Nodular Contaxiosa
    • gandeiría
    • gando
    • mortalidade do gando
    • prohibición entrada gando
    • sindicato labrego galego
    • Con cada vez máis casos no estado español, desde o Sindicato Labrego Galego volvemos pedir medidas máis contundentes para evitar a propagación da Dermatose Nodular Contaxiosa en Galiza. 

    • “Pedimos a prohibición inmediata da entrada de animais procedentes doutras comunidades para evitar a dispersión da enfermidade no noso territorio”, subliña Brais Álvarez, integrante da xunta directiva do SLG.

    Galiza, 23 de outubro de 2025. Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideramos totalmente insuficientes as medidas cautelares publicadas hoxe no DOG pola Consellería do Medio Rural en relación coa Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). O protocolo anunciado non serve para protexer as granxas galegas da entrada da enfermidade e contrasta coas accións moito máis contundentes adoptadas en comunidades próximas como Asturias ou Cantabria, que xa pecharon feiras, mercados e concentracións gandeiras.

    A Xunta di que vai facer un control veterinario durante 21 días naturais dos animais que veñan de fóra, pero esta medida é ridícula”, critica Brais Álvarez, integrante da executiva do SLG. “Non só non evita que a enfermidade chegue ata aquí, senón que ademais, se un animal chega infectado, o protocolo é sacrificar a todo o rabaño e decretar unha zona de vixilancia de 50 km arredor”.

    Medidas máis contundentes

    Desde o Sindicato Labrego Galego insistimos que non se trata de facer seguimentos administrativos, senón de evitar a entrada da enfermidade no territorio galego. Por esa razón, a medida máis axeitada sería unha restrición clara de movemento do gando.

    Pedimos a prohibición expresa e inmediata da entrada de animais procedentes doutras comunidades”, subliña Álvarez. “Non nos valen corentenas. Estas medidas xa se están aplicando nas comunidades da nosa contorna, e que tamén debemos adoptar por responsabilidade e sentido común. Non pode ser que elas estean a facer o esforzo de pechar durante quince días, e nós non. Se aquí non se toman medidas máis contundentes, estaremos prexudicándoas tamén a elas”.

    Aínda que a Orde deixa entrever que gando procedente do exterior non pode entrar en feiras, esta interpretación non queda de todo clara. Por iso, solicitamos máis transparencia e claridade por parte da Consellería, así como máis diálogo co sector. “A información te que ir en dúas direccións, non se lle pode chamar diálogo ao envío de información sen preguntar ás persoas labregas”, esixe Álvarez.

    Unha vez máis, a Consellería de Medio Rural chega tarde e mal á xestión da crise.

    Unha vez máis, a Consellería de Medio Rural chega tarde e mal á xestión da crise. Desde o Sindicato Labrego Galego pensamos que isto é unha nova tomadura de pelo para o sector. A Consellería di pedir coordinación co Ministerio, mais a mellor coordinación é aplicar medidas en liña coas comunidades veciñas, tal e como xa están a facer outros territorios do Estado.

    O SLG reitera que se está a xogar co futuro de moitas granxas galegas e esixe ao Medio Rural responsabilidade e medidas reais fronte a unha enfermidade que podería causar graves perdas económicas e produtivas no sector.