05/12/2018
SLG e AGA farán unha protesta o 11 de decembro en Compostela en defensa do noso mel
O sector apícola da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, organizou unha serie de mobilizacións para o 11 de decembro en Almería, Córdoba, Guadalaxara, Xaén, As Palmas, Logroño, Málaga, Menorca, Murcia, Oviedo, Pamplona, Salamanca, Santander, Santiago de Compostela, Sevilla, Tenerife, Valencia e Zaragoza, para denunciar os abusos da industria do mel a produtores e produtoras, por unha banda, e ás persoas que consumen, por outra.
Baixo o lema “En defensa do noso mel, por un sector apícola rendible e sostible”, centos de apicultores e apicultoras de todo o Estado concentraranse fronte a grandes superficies comerciais para reclamar un maior control das importacións de baixa calidade, especialmente as que veñen de China, e unha etiquetaxe maís transparente que obrigue a detallar o país de orixe. No caso galego, xunto ao Sindicato Labrego Galego participará tamén a Asociación Galega de Apicultura (AGA), nunha concentración fronte ao centro comercial As Cancelas, en Compostela, a partir das 11:00 horas. Durante este acto, realizaremos a lectura dun manifesto reivindicativo e repartiremos folletos divulgativos entre as persoa que accedan ao centro comercial para informar da confusa etiquetaxe que utilizan as grandes industrias que envasan mel para enmascarar importacións e sucedáneos de mel de baixa calidade.
“A situación é perversa e insostible; producimos un dos mellores meles do mundo, pero a industria deixou de mercalo porque prefire abastecerse de importacións de baixa calidade de terceiros países”, lamenta Ángel Díaz, responsábel do sector apícola de COAG. O propio Parlamento Europeo describe os efectos desta situación nun dos seus últimos informes: “As importacións de baixa calidade, a adulteración e os sucedáneos distorsionan o mercado e exercen unha presión continua sobre os prezos e, en última instancia, sobre a calidade do produto no mercado interior”.
En 2017 alcanzáronse cifras récord de importación. Nunha década duplicouse a entrada de mel foráneo: a nivel estatal, pasamos de 16.000 toneladas en 2007, a 32.000 na última campaña.
Pola súa banda, a Asociación Galega de Apicultura quixo sumarse tamén a este acto co obxectivo de divulgar a importancia do consumo de mel galego fronte a produtos importados que non garanten calidade nin beneficio para a nosa sociedade. O mel producido en Galicia é un mel proveniente das flores silvestres dos nosos montes e elaborado, maioritariamente, de forma artesanal por medianos/as e pequenos/as apicultores e apicultoras, polo que conserva todas as súas propiedades e sabor, que o distingue claramente doutros meles. Consumindo mel galego, estamos apoiando a apicultura no noso país, co beneficio que aporta tanto para a economía local como para o medio ambiente, a través da polinización que realizan as abellas, indispensable para o mantemento da biodiversidade e da produción agrícola e froiteira. Para asegurarse o consumo deste mel de calidade diferenciada, o único que hai que facer é buscar a etiqueta "Mel de Galicia" nos lineais dos supermercados; ou mercar en feiras ou mercados locais, onde apicultores e apicultoras de confianza ofrecen os seus meles de produción propia, o cal é tamén garantía de proximidade e cualidades dun produto artesanal e saudable.