As traballadoras e os traballadores do CRAEGA están a sufrir traslados forzosos desde Monforte de Lemos a Lugo.
Desde o SLG amosamos preocupación ante esta situación, que non só afecta ás persoas traballadoras desta institución, senón a toda a agricultura ecolóxica en xeral.
Lugo, 13 de novembro de 2025. Dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) queremos manifestar a nosa preocupación pola situación que están a vivir as traballadoras e traballadores do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) nos últimos meses, especialmente tras as recentes sentenzas xudiciais que dan a razón aos empregados fronte ao traslado forzoso desde Monforte de Lemos a Lugo.
O CRAEGA é un organismo público fundamental para a promoción e certificación da produción ecolóxica en Galicia. As traballadoras e traballadores deste organismo son quen se relacionan directamente cos operadores e operadoras rexistrados no Consello Regulador, prestando un servizo esencial para o desenvolvemento do sector.
Actualmente, Galiza conta cun 4% de superficie agraria certificada como ecolóxica. Fronte a isto, a Unión Europea estableceu o obxectivo de alcanzar o 25% para o ano 2030. Con este panorama de inestabilidade, vemos moi complicado que se poidan acadar estas obxectivos.
Se as persoas traballadoras do CRAEGA están de baixa laboral ou fóra do seu posto de traballo, resulta evidente que o servizo ao sector ecolóxico galego verase afectado negativamente nun momento crucial para o seu desenvolvemento.
Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos imprescindible que se busquen solucións inmediatas e pertinentes para o benestar das traballadoras e traballadores do CRAEGA. Un organismo público fundamental para o rural galego como este, non se pode permitir unha situación de conflito laboral prolongada que afecta tanto aos seus empregados como ao conxunto do sector agrario ecolóxico galego.
A agricultura ecolóxica é unha oportunidade estratéxica para o futuro do campo galego e un elemento clave para a transición cara a un modelo agrario máis sostible. Non podemos permitir que conflitos de índole laboral e de xestión institucional poñan en risco este sector.