Novas

  • O Sindicato Labrego Galego rexeita o acordo UE-Mercosur e apoia as reivindicacións agrarias en Bruxelas

    O Sindicato Labrego Galego rexeita o acordo UE-Mercosur e apoia as reivindicacións agrarias en Bruxelas

    • 04,Set 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • ACORDO
    • AGRICULTORAS
    • agricultura
    • galiza
    • impacto ambiental
    • LA VIA CAMPESINA
    • LABREGAS
    • medidas
    • rural galego
    • sindicato labrego galego
    • slg
    • soberanía alimentaria
    • UE
    • UE-MERCOSUR

    Opoñémonos unha vez máis ao Acordo UE-Mercosur, unha ameaza enorme para o noso medio rural e apoiamos ás reivindicacións organizadas por La Vía Campesina, da que formamos parte, hoxe en Bruxelas.

    Con este acordo ábrese o cupo a importación de 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 toneladas de carne de ave, 45.000 toneladas de mel e outros alimentos desde os países de Mercosur, o que terá uns efectos moi prexudiciais para as labregas e labregos destes sectores galegos e europeos. Por outra banda, vaise impulsar un incremento da venda de agrotóxicos en máis dun 63% desde a UE aos países de Mercosur, moitos deles materias activas que xa están prohibidas na UE pola súa perigosidade.

    Galiza, 4 de setembro de 2025. Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciamos unha vez máis a decisión da Comisión Europea de aprobar as propostas para a firma e posta en marcha do Acordo de Asociación UE-Mercosur e do Acordo Comercial interino UE-Mercosur, ambas dúas etapas distintas —unha política e outra comercial— do proceso de ratificación para o acordo de desregulación comercial entre a Unión Europea e os catro países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai). Ao mesmo tempo, apoiamos as mobilizacións da Coordinadora Europea Vía Campesina, da que formamos parte como SLG, que están convocadas hoxe en Bruxelas.

    A aprobación deste acordo suporá unha gravísima ameaza para o futuro da agricultura galega e europea, así como para os dereitos sociais e laborais, para a democracia e para ecosistemas vitais, especialmente os da Amazonía, o Cerrado, o Pantanal, o Gran Chaco ou a Mata Atlántica.

    Unha aprobación antidemocrática

    Parécenos moi preocupante a decisión da UE de dividir o acordo UE-Mercosur en dúas partes —comercial e política— para acelerar a súa aplicación. Con esta división, o Acordo Comercial Interino só precisará dunha maioría cualificada no Consello (15 dos 27 estados membros da UE) e dunha maioría simple no Parlamento Europeo, algo que é profundamente antidemocrático ao excluír do proceso aos parlamentos nacionais e a cidadanía.

    O acordo non está a seguir as canles democráticas, como que se permita o seu debate no Parlamento ou que se aprobe por parte dos Estados”, denuncia Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

    O acordo non está a seguir as canles democráticas, como que se permita o seu debate no Parlamento ou que se aprobe por parte dos Estados”, denuncia Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. “Fragméntalo para poder aprobalo sin que a cidadanía poida opinar. Non é só un acordo antidemocrático, senón que unha vez máis se utiliza a agricultura como unha moeda de cambio para outro tipo de intereses xeoestratéxicos e das grandes corporacións”.

    Solución interna’ que ignora as protestas agrarias de principios de 2024

    Por outra banda, a Comisión Europea anunciou un paquete de “medidas de salvagarda” para tentar convencer a Francia, Italia e Polonia que continuar coa firma do tratado, mentres segue ignorando as protestas agrarias de principios do 2024, que esixían poñer fin ás negociacións sobre o Acordo.

    Entre estas medidas, creadas como ‘solucións internas ante a esixencia destes países de “protexer mellor aos seus agricultores” destacan mecanismos de vixilancia do mercado agrícola, informes semestrais, a posibilidade de impoñer aranceis de novo en prazos curtos e un control máis estrito sobre os produtos sensibles. Con todo, estas medidas non cambian a esencia do acordo: facilitarán a entrada masiva na UE de produtos agrícolas procedentes do Mercosur a prezos moi baixos, en competencia desleal coas labregas e labregos europeos, ao tempo que acelerarán a deforestación e perpetúan as lóxicas de colonialismo.

    Isto é así porque o acordo ameaza ás terras dos pobos orixinais, ao expulsalos das súas terras coa expansión da fronteira agrícola e gandeira, o que pode ir acompañado tamén de máis violencia contra quen defende o territorio e a perpetuación dun modelo que importa materias primas baratas a cambio de exportar bens industriais, eliminando os gravames sobre o 92% das exportacións europeas ao bloque suramericano.

    Con este acordo ábrese o cupo a importación de 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 toneladas de carne de ave, 45.000 toneladas de mel e outros alimentos desde os países de Mercosur, o que terá uns efectos moi perxudiciais para as labregas e labregos

    Con este acordo ábrese o cupo a importación de 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 toneladas de carne de ave, 45.000 toneladas de mel e outros alimentos desde os países de Mercosur, o que terá uns efectos moi perxudiciais para as labregas e labregos destes sectores galegos e europeos.

    Ameaza tamén para a saúde dos e das cidadás

    O acordo UE-Mercosur tamén supón unha ameaza directa para a saúde da cidadanía en ambas rexións. En América Latina, promoverá un modelo baseado en monocultivos a gran escala e no uso masivo de agrotóxicos altamente perigosos, moitos deles prohibidos na propia UE, e que xa están a causar graves problemas de saúde e contaminación ambiental. En Europa, abrirá a porta á entrada de alimentos producidos con estándares sanitarios máis baixos, erosionando a seguridade alimentaria e poñendo en risco a poboación consumidora. O acordo impulsará un incremento da venda de agrotóxicos en máis dun 63% desde a UE aos países de Mercosur, moitos deles materias activas que xa están prohibidas na UE pola súa perigosidade. É dicir, en conxunto, fomenta un sistema agroindustrial insustentable que multiplica enfermidades, degrada a calidade da dieta e agrava a crise climática.

    Non só é un acordo moi negativo para o sector agrícola e gandeiro europeo, senón tamén para a poboación”, comenta Isabel Vilalba.

    Non só é un acordo moi negativo para o sector agrícola e gandeiro europeo, senón tamén para a poboación”, comenta Isabel Vilalba. “Para os e as cidadás vai supoñer a entrada de moitos produtos con estándares que estarían prohibidos na Unión Europea, por exemplo na perigosidade polo emprego de fitosanitarios. Un modelo de produción a gran escala como este, de grandes corporacións e baixo un modelo agroexportador, é unha ameaza enorme”.

    Apoiamos as reivindicacións de La Vía Campesina en Bruxelas

    As protestas de Bruxelas deste 4 de setembro, nas que participa La Vía Campesina e que o Sindicato Labrego Galego apoia activamente, lembran que a saída non pasa por máis tratados de libre comercio nin por vender o agro a intereses corporativos. As reivindicacións son claras: prezos xustos para quen produce, alimentos sans para quen consome, políticas públicas que garantan soberanía alimentaria e protección real da terra e do territorio.

    O Sindicato Labrego Galego únese a estas demandas e chama á sociedade galega a mobilizarse para dicir alto e claro: non ao acordo UE-Mercosur, si á vida digna no rural e á defensa da terra, aquí e aló.