Novas

  • O SLG esixe ao Consello Agrario Galego que se posicione contra o tratado UE-Mercosur

    O SLG esixe ao Consello Agrario Galego que se posicione contra o tratado UE-Mercosur

    • 16,Xan 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • acordo ue-mercosur
    • Consello Agrario Galego
    • NON ACORDO UE - MERCOSUR
    • soberanía alimentaria
    • tratado ue-mercosur

    O SLG conseguiu incluír o Tratado UE-Mercosur na orde do día do Consello Agrario tras a presión exercida nos últimos meses para que se convocara este órgano.

    Lamentamos que o Consello Agrario non estivese á altura das circunstancias e non se posicionase de xeito unánime contra o tratado.

    Compostela, 16 de xaneiro de 2026. O Consello Agrario Galego —un órgano composto pola Consellería de Medio Rural, outras Consellerías competentes en relación ao agro e medio rural, polas organizacións agrarias máis representativas (SLG-CC.LL e UU.AA.) e pola asociación ASAGA— celebrouse hoxe en Santiago de Compostela. Tras a presión do SLG para que se conseguise volver convocar este órgano permanente de participación, asesoramento, diálogo e consulta da administración pública galega en materia agraria e desenvolvemento rural, agora logramos incluír na orde do día un punto específico sobre o tratado de libre comercio UE-Mercosur que se asinará mañá 17 de xaneiro en Paraguai. Unha inclusión que non estaba prevista inicialmente e que alcanzamos ante a urxencia da situación.

    Na reunión, presentamos unha proposta ao Consello Agrario para que este órgano se posicione de xeito rotundo contra o tratado UE-Mercosur e inste a todas as partes implicadas a non asinalo ou a oporse a el nas votacións pertinentes.

    Os cinco puntos fundamentais da nosa proposta

    1. Expresar o total rexeitamento ao tratado de libre comercio UE-Mercosur que se vai asinar mañá, 17 de xaneiro de 2026, en Paraguai.

    2. Instar a todas as partes implicadas na firma ou ratificación –previa ou posterior á firma– a non asinar dito acordo ou a oporse nas votacións pertinentes nos distintos ámbitos.

    3. Defender que a alimentación é un dereito de todos os pobos do mundo e polo tanto non pode ser integrada dentro dos tratados de libre comercio. O Consello Agrario debe opoñerse de xeito rotundo á firma deste acordo mentres toda referencia á alimentación ou intercambio de produtos do sector primario non sexan eliminados do acordo. Non se aceptan claúsulas de salvagarda por non existir garantía algunha do seu cumprimento, nin se baralla a inclusión doutro tipo de medidas de control por ser estas inviables e polo tanto non son garantía real de protección para o sector.

    4. Elevar e facer público este rexeitamento rotundo ao tratado de libre comercio UE-Mercosur, e facelo chegar a todas as institucións competentes: Comisión Europea, grupos parlamentarios do Parlamento Europeo, Goberno do Estado, Parlamento do Estado, Xunta de Galicia e Parlamento Galego.

    5. Instar aos eurodiputados galegos a non ratificar dito acordo, e apoiar as propostas elevadas ao Parlamento Europeo para verificar no Tribunal Superior de Xustiza Europeo a firma do presente tratado.

    Resposta negativa por parte do Consello Agrario

    O Consello finalmente non aceptou a nosa proposta. UUAA, a través de Roberto García, manifestou que considera que as claúsulas de salvagarda son válidas e chegou a afirmar que Galiza quedaría mellor co Mercosur que sen el. A Consellería de Medio Rural aliñouse con esta posición, defendendo a inclusión de claúsulas de salvagarda no tratado en lugar do rexeitamento total. Pola súa banda, ASAGA posicionouse polo non, xunto co SLG, pero con matices.

    Dende o Sindicato Labrego Galego lamentamos que o Consello Agrario non estivese á altura das circunstancias e non se posicionase de xeito unánime contra un tratado que ameaza gravemente a viabilidade das granxas galegas. Consideramos que apostar polas claúsulas de salvagarda é unha posición ilusa e perigosa, xa que estas non ofrecen garantías reais de protección e non impedirán o impacto devastador que este acordo terá sobre a agricultura galega.

    Un tratado que ameaza a agricultura familiar galega e europea

    A vista da negativa do Consello Agrario á nosa proposta, volvemos denunciar e recordar unha vez máis que este acordo pode acabar coa viabilidade da agricultura de pequena e mediana escala e pon a produción alimentaria nas mans do agronegocio e as multinacionais. Miles de granxas europeas pecharán ante a imposibilidade de competir, ao tempo que as persoas labregas do Mercosur son desaloxadas das súas propias terras.

    A medio prazo, o control sobre que comemos, de onde vén e a que custo estará en mans dun puñado de corporacións. Perderemos a capacidade de saber realmente que estamos a consumir e en que condicións foi producido. E todo isto, ademais, cun aumento das emisións e da deforestación que choca frontalmente co compromiso europeo de reducir as emisións nun 55% de aquí a 2030, xa que o tratado multiplicará as emisións derivadas do transporte e impulsará a deforestación amazónica.

    A nosa postura é clara: a alimentación é un ben común, non unha mercadoría especulativa. Calquera acordo comercial debe respectar a soberanía alimentaria, garantir rendas dignas para quen produce e protexer o medio ambiente.

    Tamén se debateu a futura PAC 2028-2034

    O Consello Agrario tamén incluíu na súa orde do día dous puntos relacionados coa Política Agraria Común (PAC) para o período 2028-2034. Manifestamos de novo o noso rexeitamento á proposta da Comisión Europea, que supón un recorte do 20% do orzamento sen ter en conta a inflación (o que na práctica equivale a un 31% de recorte real), a eliminación dos dous piares da PAC e a ausencia de ferramentas para a regulación dos mercados que permitan garantir prezos xustos.

    Defendemos unha PAC que garanta uns ingresos dignos ás persoas agricultoras, que apoie ás pequenas e medianas granxas, que promova o relevo xeracional e a transición agroecolóxica, e que inclúa mecanismos reais de regulación dos mercados para que os prezos agrícolas se manteñan por enriba dos custos de produción.

    Na nosa intervención, apuntamos a necesidade de que Galiza defenda os seus intereses na PAC de xeito conxunto, e incluso no marco da cornisa cantábrica, e tamén reclamamos que se aproveite este momento de debate europeo para replantexar o modelo de PAC: pasar dunha PAC baseada en pagos por superficie a unha PAC que contemple unha verdadeira axuda á renda para as persoas que producen alimentos.

    Situación do sector avícola en extensivo

    Por último, no punto de rogos e preguntas, o SLG expuxo tamén a difícil situación que atravesa o sector avícola en extensivo pola gripe aviar, cun incremento importante nos custos de produción derivado do confinamento obrigatorio. Demandamos que se valore unha axuda específica para este modelo de granxas, que están a sufrir as consecuencias dunha crise sanitaria sen contar con apoio económico. A Consellería de Medio Rural manifestou que valorará esta petición na comisión prevista para esta semana.

    O SLG segue na loita pola defensa da agricultura galega

    Reafirmamos o noso compromiso coa defensa dunha agricultura galega viva, sostible e xusta. Non imos permitir que tratados como o UE-Mercosur rematen de asfixiar ás nosas granxas, nin que os recortes na PAC condenen ao abandono ao medio rural galego.

    Esiximos á Xunta de Galicia e ás institucións europeas que escoiten a voz do sector agrario e que actúen en consecuencia: non ao Mercosur e si a unha PAC que garanta o futuro das persoas labregas.