Esta é unha problemática que se leva dando desde hai anos e da que xa advertimos no 2023.
De non buscar solucións, levará a grandes perdas ambientais e económicas no campo galego.
Galiza, 12 de agosto de 2025. Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) advertimos que a seca que está a afectar a boa parte de Galiza xa está comprometendo seriamente a viabilidade económica de numerosos proxectos agrogandeiros e hortícolas, e que a situación pode empeorar nos vindeiros meses e anos se non se adoptan medidas urxentes.
“O solo de Galicia non retén auga como acontece con outras zonas. Entón, cando vén un período prolongado de seca, aínda que teñamos reservas de auga, o terreo non ten auga e secan os cultivos”, comenta Brais Álvarez, apicultor e membro da executiva nacional do SLG. “É fundamental alertar desta situación que xa está comprometendo a viabilidade económica de varios sectores”.
Agás algunhas zonas do norte e da Mariña, o resto do país sofre un déficit hídrico moi acusado, repetindo patróns que o SLG xa advertira en 2023 como un síntoma evidente do cambio climático, e sobre o que se debían tomar medidas urxentes. Naquel momento, a Consellería de Medio Rural comprometeuse a crear unha comisión para abordar esta nova realidade climática, mais a día de hoxe nada se avanzou.
O SLG lembra que os episodios de seca, combinados con temperaturas elevadas, baixa humidade e vento —o chamado “30-30-30”—, incrementan tamén o risco de grandes incendios forestais.
A falta de planificación e medidas de adaptación está a provocar que explotacións de leite e carne teñan que comezar a consumir xa as reservas de forraxe destinadas ao inverno, debido á escaseza de pastos e á mala produción da segunda corta de herba. Na horta, a seca e a ausencia de infraestruturas de rega adaptadas ao minifundio fan inviábel manter unha produción regular, mentres que cultivos como o castaño sufriron caídas prematuras do froito pola calor extrema de comezos de xullo.
O SLG lembra que tanto a gandeiría extensiva como os modelos de produción agroecolóxicos son modelos produtivos que non só respectan os ciclos naturais e reducen a dependencia de insumos externos, senón que tamén xogan un papel fundamental na conservación dos solos, na retención da auga e na prevención dos lumes que estamos a sufrir estas semanas. Estes sistemas, vinculados ao territorio e ás comunidades, contribúen a frear o abandono do rural, un dos factores que agrava o impacto das secas e dos lumes.
Porque non só falamos de seca: cando poñemos sobre a mesa o cambio climático e o despoboamento do medio rural, vemos que as secas veñen acompañadas dun aumento do risco de incendios. Os episodios “30-30-30” (30ºC, 30% de humidade e ventos de 30 km/h) multiplican a capacidade destrutiva do lume e fan máis urxente unha xestión activa e viva do territorio.
Para o SLG, a soberanía alimentaria —a capacidade dos pobos para decidir que, como e para quen producir os seus alimentos— é a resposta máis sólida a moitos dos problemas que temos como sociedade: desde o cambio climático ata a dependencia alimentaria de producións agroindustriais, que é unha das industrias que agravan a situación de emerxencia climática que vivimos. Debemos apostar por un modelo agrario diversificado, sustentábel e ligado á terra é garantir alimentos sans e accesíbeis, manter o emprego e a vida no rural, e coidar o territorio fronte ás crises ambientais. Todas estas necesidades deben de vir acompañadas de políticas públicas que favorezan a instalacións de persoas na agricultura e gandaría que son as verdadeiras custodiadoras do territorio.
Todo isto leva ao SLG a esixir que se retomen e apliquen as medidas que se prometeron desde o ano 2023 para afrontar a seca e o cambio climático no sector agrario. Porque a emerxencia climática é unha realidade que está a condicionar o presente do campo galego e precisamos respostas serias, inmediatas e estruturais para protexer o seu futuro.