O novo texto, que derrogará a Lei de Protección Ambiental de 1995, continúa coa desregulación ambiental baixo o pretexto da simplificación administrativa.
Desde o SLG, presentamos 33 alegacións contra un anteproxecto que privatiza funcións públicas, privilexia proxectos industriais estratéxicos sobre o territorio agrario e reduce garantías de participación cidadá.
Compostela, 2 de decembro de 2025. Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentamos ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático as nosas alegacións ao Anteproxecto de Lei de Administración Ambiental Simplificada, solicitando a retirada completa do proxecto que derroga a Lei de Protección Ambiental de 1995.
Esta nova lei non é só un cambio de nome. Cando a Xunta de Galicia decide chamarlle “Administración Ambiental Simplificada” ao que durante tres décadas foi a “Lei de Protección Ambiental”, está facendo moito máis que actualizar un título. Onde antes había protección, agora haberá trámites acelerados. Onde antes había controis públicos, agora haberá entidades privadas. Onde antes había garantías para o territorio, agora haberá privilexios para quen declare un proxecto como “estratéxico”.
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas goza da condición de estar entre as “máis representativas” de acordo co establecido na Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario de Galicia. Esta condición está reforzada coa súa presenza —avalando a súa representación ante as administracións públicas— en numerosos órganos de consulta e diálogo entre a Administración e as organizacións da sociedade civil, como o CES-Galicia, o Consello Galego de Estatística, o Consello Galego de Medio Ambiente, o Consello Forestal de Galicia, o Consello Reitor de “Augas de Galicia”, o Consello Galego de Benestar Social, por citar só algúns.
Por esta razón, consideramos que as alegacións que presentamos deben ser escoitadas e consideradas pola Administración, xa que representan non só a voz do sector agrario galego senón tamén a defensa do territorio rural e do medio ambiente que nos compete como organización máis representativa.
Esta nova proposta normativa súmase a unha longa serie de modificacións lexislativas dos últimos anos —como a Lei 5/2017 de fomento de iniciativas empresariais, a Lei 9/2021 de simplificación administrativa ou a Lei 2/2024 de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos— que, baixo o pretexto da simplificación e axilización, eliminan controis fundamentais a nivel medioambiental e reducen os prazos de exposición pública. Sempre co mesmo argumento: simplificación normativa e axilización nas tramitacións. Pero o que se elimina son controis fundamentais a nivel medioambiental, redúcense os prazos de exposición pública impedindo así que as organizacións e a sociedade civil afectada por proxectos eólicos, mineiros, de infraestruturas poidan exercer o seu dereito a coñecer e alegar.
Nos últimos anos tamén se reduciron os requisitos para que un proxecto industrial poida ser considerado estratéxico, axilizouse a expropiación e outorgóuselle á Consellería de Industria a potestade de decidir acerca da utilidade pública dos proxectos e da prevalencia destes cando coliden con actividades preexistentes no territorio, como a actividade agraria.
O resultado: unha profunda desprotección da poboación rural, posibilitando a fragmentación de proxectos, debilitando as declaracións de impacto e dándolle prioridade a grandes proxectos industriais sobre os usos da terra e da auga.
Dende o SLG consideramos especialmente grave que a lei permita que os proxectos declarados “estratéxicos” polo Consello da Xunta queden exentos de acreditar a compatibilidade urbanística. Isto supón que a planificación urbanística e os instrumentos de ordenación do territorio queden reducidos a cinza, sen que se entenda por que o “estratéxico” debe estar á marxe da protección de determinados solos polos seus valores.
A norma tamén pretende legalizar de novo as entidades de colaboración ambiental privada, unha figura que xa foi anulada en vía xudicial, delegando funcións que deberían quedar sempre en mans públicas.
Por outra banda, Galiza ten unha das porcentaxes de superficie agraria útil máis pequenas de Europa. Alentar máis presión territorial industrial implicará empeorar esta situación e incrementar os custos de produción para as granxas, especialmente para aquelas máis pequenas que, ademais de seren as máis numerosas, xogan un papel básico no sustento social, económico e ambiental de boa parte do territorio galego.
A agricultura e a gandería son actividades fundamentais para a protección e preservación do territorio, a natureza e a resistencia contra o despoboamento. Non podemos permitir que se siga priorizando os grandes proxectos industriais sobre os usos da terra e da auga.
Dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que non procede continuar coa tramitación desta lei e solicitamos a retirada inmediata deste proxecto que, de saír adiante, poñería en risco a produción de alimentos nunha Galiza que ten unha das superficies agrarias útiles máis pequenas de Europa.