Onte, 17 de decembro, a Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC) manifestouse no aeroporto de Lieja (Bruxelas) para protestar contra as campañas de desregulación da UE, a nova PAC e o acordo UE-Mercosur.
O Sindicato Labrego Galego, entidade pertencente á ECVC, apoia as protestas contra a campaña da UE que promove a desregulación do mercado.
Galiza, 18 de decembro de 2025. As pequenas e medianas agricultoras mobilizáronse o 17 de decembro no aeroporto de Lieja para protestar contra a campaña da UE que promove a desregulación do mercado e políticas que ameazan a agricultura sostible dende un punto de vista social, económico e medioambiental. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), entidade pertencente á Coordinadora Europea Via Campesina (ECVC) apoia estas protestas e esixe unha vez máis a fin do acordo de libre comercio entre a UE e o Mercosur.
— O acordo de libre comercio entre a UE e o Mercosur
— Marco Financeiro Plurianual (MFP)
— e a proposta da PAC posterior a 2027.
En todos estes expedientes, os responsables políticos priorizan os intereses da agroindustria, os lobbies industriais e os sectores, e póñennos por diante das persoas agricultoras que alimentan a Europa. Isto non só ameaza ás familias de agricultoras, senón tamén a capacidade da UE para garantir a soberanía alimentaria, asegurar prezos xustos e garantir un futuro á xuventude na agricultura.
Rexeitamos o acordo UE-Mercosur, con ou sen cláusulas de salvagarda. Este acordo de libre comercio agrava a competencia desleal, reduce os prezos e acelera o abandono das persoas agricultoras europeas.
Precisamos unha PAC robusta, cun orzamento sólido, redistribuído entre as pequenas e medianas agricultoras. Merecemos unha PAC que respecte os dereitos das agricultoras e traballadoras agrícolas, así como o dereito das persoas cidadás a alimentos saudábeis, producidos de xeito respectuoso co medio ambiente e o benestar animal.
Opoñémonos á desregulación dos pesticidas, os OMG, as sementes, as normas de deforestación, os impostos sobre o carbono e outras normas. A desregulación non mellora os ingresos das persoas agricultoras. Esiximos unha regulación do mercado e normas sociais e medioambientais sólidas que protexan a agricultura sostible e as comunidades rurais.
Esiximos que se garanta o relevo xeracional: sen prezos xustos, a regulación do mercado e un apoio público axeitado, Europa perderá a súa próxima xeración de agricultoras. Precisamos políticas europeas que permitan á xente nova comezar na agricultura, permanecer e vivir dela.
O Consello Europeo reúnese hoxe día 18, e mañá día 19, para, posiblemente, decidir sobre o acordo UE-Mercosur, o orzamento do MFP e a reforma da PAC. Estas decisións determinarán o futuro dos sistemas alimentarios da UE.
Facemos un chamamento ás persoas agricultoras de toda Europa para que sigan a berrar:
NON! Ao acordo UE-Mercosur
NON! Á desregulación
SI! A uns prezos xustos e unha regulación sólida do mercado
SI! A unha PAC forte que garanta un modelo agrícola sostible
SI! A un futuro para a xente moza agricultora