Novas

  • O Sindicato Labrego denuncia que Galiza arde pola inacción e o abandono planificado do rural

    O Sindicato Labrego denuncia que Galiza arde pola inacción e o abandono planificado do rural

    • 14,Ago 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • abandono do rural
    • auga
    • cambio climático
    • denuncia
    • eucaliptos
    • galicia
    • galiza
    • impacto ambiental
    • incendios
    • medidas
    • monocultivo intensivo
    • PAC
    • piñeiros
    • rural galego
    • seca
    • sindicato labrego galego

    Cada ano, a maior virulencia dos lumes son un indicativo de que é necesaria outra política forestal e maiores medidas de prevención.

    A mellor protección do campo galego é frear o despoboamento rural e apostar por pequenas produción agroecolóxicas.

    Galiza, 13 de agosto de 2025. É unha imaxe que se repite e cada ano con máis virulencia. Hectáreas que arden por todo o país e aumentadas polas altas temperaturas. Pero en Galiza sabemos que o lume non é só consecuencia da calor e da seca. Cada verán o que estamos a sufrir é o resultado dun abandono planificado do rural, dunha política forestal errada e dun modelo agrario insostible que deixan o territorio desprotexido. E este ano, particularmente Ourense e Lugo están sendo as maiores vítimas desta desprotección.

    Na zona de Ourense, sobre todo, é un descontrol. Levamos moitos días loitando contra isto e xa non nos dá o corpo”, denuncia Iago López, apicultor e brigadista na área de Monforte. “Lugo ao final é unha provincia moi gandeira, e hai máis prados separados, pero en Ourense é un desastre como está o monte”.

    Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CLL) levamos anos denunciando que a mellor política contra os incendios é a defensa do rural vivo. A paisaxe mosaico tradicional —feita de leiras, prados, frondosas autóctonas e gando en extensivo— actuaba como un cortalumes natural. A desaparición desta estrutura, provocada pola despoboación e pola aposta institucional polos monocultivos de eucalipto e piñeiro, xunto coa prohibición do pastoreo e a redución das axudas ás pequenas granxas, creou un territorio continuo de combustible perfecto para as lapas.

    A isto súmase ademais a nova da redución dun 20% da PAC con posibilidade de que desapareza o segundo piar que é o que afecta ao desenvolvemento rural e do que dependen moitas axudas de incorporación.

    Unha realidade provocada por múltiples factores

    Os incendios son o síntoma dun desequilibrio ambiental. É dicir, os incendios poden acontecer naturalmente por causa de raios, pero agora faltan unhas pezas nos ecosistemas que son fundamentais e que son as que regulan a vexetación: os grandes herbívoros”, comenta Davide Outeiro, gandeiro, axente ambiental e membro da dirección nacional do SLG. “Na sociedade tradicional galega, o pastoreo —con ovellas, cabras e vacas— e tamén as accións directas sobre a superficie arbórea ou mato, levaban a que a vexetación estivera de certo xeito regulada. Esta regulación permitía que houbera un maior control sobre os incendios”.

    Porén agora, lembra Outeiro, estamos nun novo período histórico onde non existe pastoreo e a vexetación medra sen control en áreas extensas e continuas que teñen un maior perigo de arder. “E temos ademais a política forestal. O tema das especies pirófitas vese claramente”, di Outeiro. “O caso máis claro foi no incendio do Courel. Falamos do incendio máis extenso rexistrado na historia de Galiza. Eu estiven alí unha semana despois do incendio para ver o que sobrevivira e o que quedaba alí eran carballeiras e prados”.

    A pesar disto e no seu lugar, as políticas da Xunta seguen apostando por piñeiros e eucaliptos —este último nunha moratoria que non parece claro que se vaia prolongar— e centrándose en macrogranxas intensivas pechadas en naves, sen impacto positivo no territorio e alimentadas con pensos importados. Mentres se favorecen estes modelos contaminantes e alleos á realidade do rural galego, os proxectos de produción pequenos e medianos seguen a ter atrancos para acceder a axudas, ao tempo que se gastan millóns de euros cada ano en apagar incendios que se poderían previr.

    E para evitar esta situación, é necesario que exista a maior cantidade posible de xente dispersa no territorio”, advirte Outeiro. “Agora predomina o uso intensivo pero eu non o vexo. A orografía propia do territorio galego non é viable con este tipo de modelo. O idóneo serían granxas pequenas e medianas dispersas polo territorio, creando un impacto positivo no medio”.

    Gastos a posteriori no canto de prevención 

    Mentres a terra arde, os e as brigadistas denuncian a incorporación masiva de persoal sen experiencia nin formación suficiente, maquinaria avariada, falta de mandos con coñecemento práctico e protocolos ineficaces. Non se fai prevención: hai parcelas sen limpar, vivendas rodeadas de piñeiros ou bulldozers que entran cando o lume xa está fóra de control en vez de para facer limpezas antes.

    Os millóns que se están gastando agora deberían terse investido todo o ano na prevención e na xestión sostible do monte. Temos traballando extinguido lumes en zonas onde ao lado das casas hai piñeiros de vinte metros ao lado”, di Iago López. “Como non van arder os sitios así? Pero non se cumpren as medidas de prevención. É un asunto moi complexo”.

    A maiores, a recente reforma da Política Agrícola Común (PAC), cun recorte do 20% e a posibilidade de que desapareza o segundo piar que é o que financia o desenvolvemento rural e as axudas de incorporación, condenará aínda máis ás pequenas explotacións, que son as que realmente xestionan o territorio e frean o avance do lume.

    As nosas esixencias 

    Por todo isto, desde o SLG esiximos unha política forestal baseada na biodiversidade e nas frondosas autóctonas, eliminando o eucalipto e especies pirófitas; a recuperación e apoio ao pastoreo extensivo e á agricultura de proximidade como ferramentas de xestión do territorio e de prevención do lume; axudas públicas reais e suficientes; prevención todo o ano ante os lumes; condicións dignas de traballo para un servizos de extinción profesional e suficientemente dotado; e unha protección real da terra e das persoas que viven do rural e que son as que o defenden e protexen cada día. 

    O lume é o síntoma dunha ferida aberta. Recuperar un rural vivo, diverso e produtivo é a mellor forma de protexer Galiza fronte aos incendios.

    (Imaxe: Gabriel González. https://pxhere.com/es/photo/302483?utm_content=shareClip&utm_medium=referral&utm_source=pxhere)