Novas

  • O Sindicato Labrego pide que o proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel garanta comida digna para as persoas usuarias e saídas xusta para as produtoras locais

    O Sindicato Labrego pide que o proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel garanta comida digna para as persoas usuarias e saídas xusta para as produtoras locais

    • 05,Set 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • aesan
    • alimentación saudábel
    • alimentación sostíbel
    • ASGADeD
    • ministerio
    • produción local
    • real decreto
    • reunión
    • rural galego
    • sindicato labrego galego
    • slg
    • soberanía alimentaria

    O Sindicato Labrego Galego, e ASGADeD reuníronse coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, para presentar propostas ao proxecto de Real Decreto e esixir que a normativa teña en conta a realidade das produtoras locais, e a saúde das persoas usuarias de hospitais, centros residencias e outros centros de administración pública.

    Na reunión participaron Paula Rubio Marqués, técnica de xestión de organismos autónomos e representante de consumidores e usuarios, Teresa Robledo de Dios e Alberto Díaz García, de AESAN; Pepe Bernárdez, voceiro de ASGADeD e Vellez Digna; Francisca Martínez, voceira da Plataforma Comida Digna Xa, e que forma parte de ASNADI (Asociación Nacional de Dietistas) e é a Coordinadora do Grupo de Especialización en Nutrición na Terceira Idade; e Isabel Vilalba Seivane e Margarida Prieto Ledo en representación do Sindicato Labrego Galego.izadas por La Vía Campesina, da que formamos parte, hoxe en Bruxelas.

    Galiza, 4 de setembro de 2025. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), xunto con ASGADeD e a Plataforma Comida Digna Xa presentamos á Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) unha serie de propostas ao Proxecto de Real Decreto para o fomento dunha alimentación saudábel e sostíbel na contratación das administracións públicas e en centros de persoas dependentes ou con necesidades especiais, que non só sexa saudábel e de calidade, senón que teña en conta a realidade das pequenas produtoras locais e do territorio.

    Desde o Sindicato Labrego levamos tempo alertando de que a lexislación vixente está deseñada tendo en conta as grandes empresas, e non ás produtoras locais, o que deixa nunha situación de desvantaxe ás labregas e labregos que traballan en circuítos curtos de comercialización e na venda directa. Defendemos que, sen unha regulación flexible e proporcionada, a normativa actual pon en risco a continuidade das producións familiares e a soberanía alimentaria do país, e a saúde das persoas usuarias.

    Unha oportunidade para mellorar a saúde das persoas usuarias

    As entidades que nos reunimos hoxe co Ministerio xa participamos previamente no proceso de consulta pública sobre a regulación da calidade da comida en residencias, centros de día, hospitais e outros programas sociosanitarios”, explica Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. “Nesta reunión quixemos insistir en cuestións clave, tendo en conta que aínda non existe un texto definitivo de traballo. O fundamental é que o Goberno lexisle en materia da calidade da alimentación que reciben as persoas usuarias, tanto nas condicións da contratación pública como nos mecanismos de control que son competencia do Estado. Trátase dun asunto de gran relevancia, polo que agora quedamos á espera de como evolucione o texto e do seu percorrido nos distintos procesos de negociación”.

    Esta normativa é unha oportunidade única para mellorar a saúde da poboación máis vulnerable —persoas maiores, enfermas, dependentes, e crianzas— e para corrixir un grave problema: a mala calidade da alimentación

    Esta normativa é unha oportunidade única para mellorar a saúde da poboación máis vulnerable —persoas maiores, enfermas, dependentes, e crianzas— e para corrixir un grave problema: a mala calidade da alimentación en hospitais, residencias e programas sociais, moitas veces baseada en produtos precociñados, recalentados e distribuídos en envases de plástico.

    Estamos perante a oportunidade de avanzar cara a un sistema alimentario acorde cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e da estratexia Da Granxa á Mesa, promovendo unha maior presenza de alimentos locais e ecolóxicos, reducindo residuos e apostando por un modelo máis sostible e comprometido coa saúde e o medio ambiente. Todos estes obxectivos que nos dirixen cara á soberanía alimentaria.

    Principais propostas do SLG ao Real Decreto

    – Control da calidade alimentaria en centros e programas sociais: establecer mecanismos de seguimento do estado nutricional das persoas maiores ou dependentes, así como das patoloxías relacionadas coa alimentación. Inclúe tamén un programa de control periódico de residuos (pesticidas, metais pesados, plastificantes…).

    – Programas de comida a domicilio: Regular a comida a domicilio en programas de intervención social, como Xantar na Casa da Xunta de Galicia, obxecto de numerosas queixas e incluso denuncias. Máis de 2.000 persoas reciben neste programa comida precociñada, embalada en plásticos con aditivos e conservada durante unha semana en condicións inadecuadas, chegando incluso a ser recalentada varias veces. O mesmo acontece en residencias, colexios e outros centros que dependen de servizos de catering situados a centos de quilómetros.

    – Fin da dependencia de precociñados: prohibir o seu uso habitual e obrigar á reapertura de cociñas propias en hospitais, residencias e centros educativos.

    – Reparto diario: a comida debe entregarse a diario, ou como máximo o día anterior en domingos e festivos.

    – Alimentos locais, de tempada e libres de químicos: menús nutritivos, saudables e que respecten as tradicións gastronómicas, con obxectivos medibles: un 5% inmediato de produtos ecolóxicos, un 25% en 2030, un 50% a medio prazo, e acadar un 40% de alimentos locais a curto prazo.

    – Prohibición de transxénicos.

    – Dietas adaptadas: garantir menús adecuados para persoas con intolerancias ou necesidades especiais.

    – Redución do uso de plásticos: utensilios de aceiro inoxidable e vidro no canto de plásticos ou aluminio, para evitar a presenza de compostos tóxicos e disruptores endócrinos.

    As nosas esixencias

    O Sindicato Labrego Galego solicita tamén que os avances recollidos neste Real Decreto se amplíen aos comedores escolares,

    Para garantir unha implementación plena da norma, desde o SLG propoñemos a creación dun Observatorio estatal, e de Observatorios autonómicos que permitan un seguimento participativo, así como un sistema de monitorización e control periódico. Ao mesmo tempo, cremos que se deben elaborar guías de apoio ás administracións contratantes que non se baseen en prezos temerarios nin en ofertas de alimentación que poidan prexudicar a saúde. Estas guías teñen que incorporar criterios sociais e laborais nos procesos de adxudicación. O Sindicato Labrego Galego solicita tamén que os avances recollidos neste Real Decreto se amplíen aos comedores escolares, co obxectivo de reforzar e ampliar os dereitos das persoas usuarias.

    Comer ben é un dereito básico, esencial para a saúde física e emocional, e que só pode garantirse con produtos frescos, locais e de tempada, elaborados en condicións xustas e sostibles. Ademais, apostar pola alimentación de proximidade é tamén apoiar ás produtoras labregas e construír un sistema alimentario máis seguro, máis san e máis ligado ao territorio, algo que é fundamental para o futuro da nosa terra e a nosa soberanía alimentaria.