Novas

  • Sete meses de silencio: o SLG acude á Valedora polas queixas sobre a comida en residencias

    Sete meses de silencio: o SLG acude á Valedora polas queixas sobre a comida en residencias

    • 10,Dec 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • alimentación
    • alimentación digna
    • alimentación saudábel
    • consellería de política social
    • consello galego de benestar social
    • residencias de maiores
    • valedora do pobo
    • Xantar na Casa
    • Acudimos á Valedora do Pobo para denunciar o silencio de sete meses do Consello Galego de Benestar Social ante as denuncias da mala calidade da alimentación no servizo Xantar na Casa e en residencias.

    • Consideramos intolerábel que se obrigue a persoas maiores a consumir alimentos de mala calidade que chegan cada sete días desde máis de 150 quilómetros de distancia.

    Galiza, 10 de decembro de 2025. Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vimos de presentar unha denuncia perante a Valedora do Pobo contra o Consello Galego de Benestar Social —dependente da Consellería de Política Social—,  por non dar resposta ás queixas sobre a grave situación que están a padecer as persoas usuarias do servizo Xantar na Casa, que seguen recibindo alimentos de moi baixa calidade a pesar das reiteradas denuncias dos últimos meses.

    Esta denuncia chega despois de que Margarida Prieto Ledo, vogal do Consello Galego de Benestar Social en representación do SLG, solicitase en maio unha reunión urxente para abordar esta problemática. Sete meses despois, o órgano consultivo non convocou ningunha reunión para tratar o asunto, o que nos leva a acudir á Valedora para que investigue esta situación e inste á Xunta de Galicia a adoptar medidas urxentes.

    Alimentos augados, crus e intragábeis

    Nos últimos meses vimos recibindo nas nosas oficinas queixas de persoas usuarias e as súas familias do Servizo Xantar na Casa, da vivenda comunitaria da Pontenova e da Residencia de Maiores de Ortigueira sobre a mala calidade dos alimentos que reciben. As denuncias refírense a alimentos augados, crus, masas pastosas, ingredientes desaconsellados para determinadas persoas usuarias e menús nutricionalmente desaxustados.

    As persoas afectadas relatan problemas intestinais e diarreas frecuentes. Ademais, ao resultar intragábeis moitas das comidas, as bandexas devólvense cheas, o que provoca déficits nutricionais importantes nunha poboación especialmente vulnerábel.

    Por outra banda, dende o SLG consideramos intolerábel que se obrigue a persoas maiores a consumir alimentos de mala calidade que chegan cada sete días desde máis de 150 quilómetros de distancia, cando os alimentos requentados non son aconsellábeis para persoas maiores, moitas delas con problemas de saúde importantes. Ademais, para a súa elaboración úsanse aditivos que non serían necesarios se o reparto fose diario e a elaboración se fixese nun radio de distancia curto.

    Lembramos que moitas vivendas comunitarias, centros de día e residencias dispoñen de cociñas propias que non se están a usar. Desde esas instalacións poderíase elaborar os menús das persoas residentes e tamén preparar os pratos das usuarias do programa Xantar na Casa que permanecen nos seus fogares, facilitando que o reparte se fixera no mesmo día.

    As nosas esixencias

    Dende o SLG xa trasladáramos esta problemática ao Consello Galego de Benestar Social, órgano que ten entre as súas funcións avaliar as políticas de servizos sociais e velar pola súa calidade, mais até o de agora, sete meses despois, non se materializou ningunha actuación concreta que mellore a situación.​ Esta ausencia de reacción institucional supón, na práctica, avalar a continuidade dun modelo que prioriza a externalización e o negocio empresarial fronte ao dereito das persoas usuarias a unha alimentación saudábel, segura e adaptada ás súas necesidades.​

    Demandamos que se rescindan os contratos coas empresas de catering que non cumpren cos estándares de calidade e que se aposte por un modelo de proximidade, coa posta en funcionamento das cociñas propias dos centros e a compra pública de alimentos frescos a produtores e produtoras locais.

    A Valedora do Pobo xa admitiu a trámite a queixa e agardamos que investigue a situación. Reiteramos ademais a nosa demanda de que o Consello Galego de Benestar Social convoque unha reunión urxente para abordar este grave problema que afecta á saúde e á dignidade das persoas maiores en Galiza.