segundaxornada

06/03/2024

Segunda xornada do XVIII Encontro anual da Secretaría das Mulleres do SLG

Compañeiras aliadas nas loitas feministas en distintos eidos poñen en valor os aportes da Secretaría das Mulleres do SLG. Homenaxe a Lola Ferreiro, xantar compartido e visita ao proxecto dunha adegueira da comarca poñen fin a este vinte aniversario

A segunda xornada do XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) transcurriu ao longo do domingo 3 de marzo e puxo o peche ao vixésimo aniversario fortalecendo os lazos colectivos para seguir xuntas na loita pola igualdade.

A mañá deu comezo co espazo de posta en común “20 Anos da man. Palestra de Mulleres Aliadas”, que contou ca participación das compañeiras Elena Fernández (colectivo feminista Polamiúda, de Chantada), Ximena González (Marcha Mundial Das Mulleres), Tareixa Ledo (terapeuta feminista e ex-traballadora do SLG-CCLL), Laura Bugalho (sindicalista), Estrela Ramil (cooperante), Guadalupe Rodríguez e Nela Abella (ecoloxistas), Rosa Álvarez(), Ana Luisa Bouza e Nanina Santos (ambas do movemento feminista).

Nas súas intervencións salientaron a Secretaría das Mulleres como axente social feminista de referencia dende a súa creación, valorando moi especialmente o seu carácter vangardista, tanto no ámbito organizacional -o SLG foi unha das primeiras organizacións labregas europeas en ter unha muller como Secretaría Xeral- como no formativo e do feminismo labrego internacional, así como a súa capacidade para dinamizar o traballo conxunto, aportar accións concretas ás estratexias de loita e funcionar como aglutinante de perspectivas diversas dentro da loita social.

A importancia da Secretaría das Mulleres do SLG na asunción por parte da Marcha Mundial das Mulleres da reivindicación da Soberanía Alimentaria dos Pobos e a defensa dos bens comúns, a participación activa das mulleres do SLG na loita ecoloxista -nomeadamente fronte ao espolio enerxético-, o potencial da Secretaría das Mulleres para reforzar alianzas entre as áreas rurais e urbanas, ou a capacidade de desenvolver unha grande cantidade de traballo con poucos medios foron algunhas das valoracións destacadas por estas mulleres, á súa vez exemplo de loita para a propia Secretaría ao longo destas décadas.

Nas súas propias palabras: “O Sindicato é a voz que necesitamos, non só o agro galego, senón todo o País”; o Sindicato ten un gran coñecemento do que sucede no local, e iso é fundamental para poder desenvolver unha campaña de loita global”; “a axenda do Sindicato é a que teñen outros pobos en loita en todo o planeta”; “Galiza non se entendería sen as Comisións Labregas, o Sindicato Labrego Galego e a Secretaría das Mulleres. Non se entendería este país sen a presenza desta organización e, cada vez máis, sen as mulleres desta organización”; “a Secretaría é un espello para outras moitas organizacións”, “para min [vinte anos da man das mulleres do SLG-CCLL] foi iso: colaboración, acollemento... Traballo horizontal, non para a foto, traballo para traballar”; “cada vez é máis importante que haxa unha alianza entre o rural e o urbano. A necesidade de relocalizar os alimentos, a soberanía alimentaria, o consumo responsable... Dende o urbano precisamos tecer alianzas no rural, vainos niso a supervivencia, e niso a Secretaría das Mulleres do SLG é unha aliada moi importante”.

Logo desta primeira mesa redonda do domingo chegamos a un dos momentos máis emocionantes do XVIII Encontro: a homenaxe á compañeira Lola Ferreiro, unha muller referente na loita feminista, moi presente na vida de moitas das asistentes e moi próxima á Secretaría das Mulleres, tendo sido poñente no XII Encontro celebrado en Mondoñedo (2017) e no XV celebrado en Verín (2020). Mentras as mulleres permanecían agarradas das mans facendo un grande círculo que ocupou toda a sala, a poeta Noelia Gómez -tamén traballadora do SLG-CCLL- recitou un texto escrito pola tamén poetisa Charo Lopes con motivo do falecemento de Lola Ferreiro.

Esta sentida homenaxe confluíu no momento do xantar, co que o XVIII Encontro anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas foi entrando na súa recta final.

Como adoita ser habitual, a fin de semana pechou o domingo pola tarde cunha visita a un proxecto labrego dunha muller da comarca, nesta ocasión Adegas Amedo, un proxecto familiar liderado dende fai anos por Lorena Gay na Ribeira Sacra.