16/02/2023
Se o Sindicato Labrego Galego está, as demandas das persoas agricultoras e gandeiras tamén están
O SLG-CCLL preséntase este domingo 19 ás eleccións dos Consellos Reguladores e Indicacións Xeográficas Protexidas. O SLG conta co aval de ser unha organización labrega cunha traxectoria histórica de loita sempre a carón das produtoras/es
Este domingo 19 de febreiro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) concorrerá ás eleccións para renovar a composicións dos 15 Consellos Reguladores das denominacións de orixe (DO) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) na Galiza [Fouce Especial Consellos Reguladores].
Nos órganos representativos dos distintos sectores agroalimenarios, se o Sindicato Labrego Galego está, as demandas das mulleres e dos homes que nos dedicamos á produción agrícola e gandeira van estar representadas. Hai unha gran e fundamental razón para apoiar no día a día e votar ao Sindicato Labrego Galego nas próximas eleccións a Consellos Reguladores: a historia da nosa organización é a historia de todas as loitas que no campo galego se levaron adiante nos últimos anos. Dende o seu nacemento, alí onde houbo un problema que afectase aos labregos e ás labregas, alí estivo o Sindicato Labrego Galego.
Entre as compañeiras e compañeiros que se presentan este domingo ca ilusión de levar adiante as reivindicacións dos distintos sectores a través do SLG-CCLL atopamos na candidatura de Carne de Vacún de Galicia gandeiras e gandeiros como Samuel Formoso, Responsábel do Sector da Carne no SLG, que conta cun rabaño de aproximadamente 160 cabezas en extensivo no concello de Vilar de Barrio; Jesús Pardal Castro, de Moares (Rois), na comarca de Compostela, que ten unha granxa de Limiás en ecolóxico e en extensivo; Henar Román Fernández (Raiolas SL) da Labrada, no Concello de Abadín, que xunto co seu fillo teñen unha granxa de vacún de carne nesa mesma parroquia, outra granxa de carne ao nome do seu marido e, entre ambas, a cooperativa ROCA SC para a produción, transformación e comercialización de produtos agrarios; Juan Valcárcel González, de Santalla, na parroquia de O Alto, no concello de O Corgo, que conta cun rabaño de 37 vacas nais de rubia galega e a gandeira gandeira do concello de Becerreá, María Osorio, onde recentemente se fixo cargo da granxa familiar por xubilación de seus pais, e conta cun rabaño de 25 animais de rubia galega e vianesa.
Nos últimos anos, á par do traballo dentro da IXP onde se tratou por todos os medios de mellorar dende ela a situación económica das nosas granxas, vimos vendo como dende a Xunta de Galicia tratan de excluír e afundir máis as granxas de produción tradicional axeitadas en tamaño á súa base territorial. Grazas á denuncia interposta polo SLG no Tribunal Superior de Galicia, conseguimos que a Xunta de Galicia non poda deixar fóra das axudas derivadas da COVID-19 ás granxas de menos de 10 vacas nutrices que cotizasen á Seguridade Social e tiveran ingresos agrarios, como pretendía facer a Consellería, loita na que seguimos activas para garantir que esta axuda chegue ao total de granxas que durante a COVID-19 quedaron excluídas.
O gandeiro de Xermade Adolfo Cabarcos, vocal do SLG en representación do censo A1 (produción tradicional) no consello regulador IXP de Carne de Vacún de Galicia dende o 2012, e que este ano dará o relevo a novas incorporacións, explica: “O traballo que vimos desenvolvendo nos últimos anos dentro da IXP vai encamiñado a tratar de garantir prezos dignos para as granxas de Tenreira Galega Suprema, que en todo caso cubran os custos de produción, e tratamos sempre de poñer en valor que a IXP teña en conta a importancia das pequenas e medianas granxas de vacún de carne que compoñen a Tenreira Galega Suprema. Así mesmo, levamos anos defendendo que é necesario outro tipo de etiquetado, máis claro para a persoa consumidora e que diferencie, dun xeito sinxelo, entre a Tenreira Galega Suprema e a Tenreira Galega normal”.
No sector do viño, o responsábel sectorial no SLG, Bernardo Estévez, chama a atención sobre a clave de que o asentamento poboacional ten que ser o fin do traballo que se leve a cabo dende os Consellos Reguladores, aínda que por competencias non lle corresponda, xa que “todas estamos de acordo en que sen viticultores non hai viticultura, boa viticultura”, asenta Estévez. O estrito control arredor da ampliación de territorio para incluír nas Denominación de Orixe, así como o aplicado aos rendementos, calidade e seguridade alimentaria da uva cultivada segundo os manuais de calidade de cada Consello Regulador; a formación e asesoramento de calidade para as persoas viticultoras xa activas e para as novas incorporacións, a comunicación e promoción dos CCRR, así como a elaboración dun mapa onde se reflictan as distintas zonas de produción de cada unha das DO que as fagan particulares e únicas para dotalas dun recoñecemento tanto da uva como do viño que poda ser utilizado de forma oficial na etiquetaxe dos viños que deses lugares son algunhas das propostas do SLG.
No Censo A Subcenso A1 da DO Valdeorras, presentaranse os viticultores Antonio García Fernández e Isidro Mateo Rivera -suplente Francisco Javier Mateo García-, e no Censo A Subcenso A2 a viticultora Cecilia Fernández Rodríguez -Suplente Antón Rodríguez Prieto-. Ao Censo da DO Ribeiro concurrirán polo SLG Bodegas Emilio Rojo SL, Lorenzo Álvarez Álvarez e Antonio Pérez Villar -suplentes Pablo Penelas Febreiro e José Manuel González González-. No censo A2, subzona do Condado en Rías Baixas, a nosa representarnte será Finca Vilamean, S.L. -suplente AGROVITIS, C.B-.
O SLG-CCLL é unha organización labrega que leva dende a súa fundación defendendo as granxas familiares de pequeno e mediano tamaño que vertebran todo o noso territorio. O avance da industrialización da produción de alimentos -fomentado por políticas neoliberais como as que dende fai décadas impón o Partido Popular de Galicia (PpdG) dende a Consellaría do Medio Rural-, a suba dos custos de produción, xunto cuns prezos que seguen a ser moi inferiores a estes, provoca que o noso modo de vida e as nosas granxas estean en perigo. No SLG levamos case 50 anos loitando por estas granxas, estas familias e este modelo de produción sa e sostíbel, e con este compromiso presentámonos ás eleccións de CCRR e IXPs este domingo 19.
“Fronte aos que non se sabe nin onde están nin o que defenden, o SLG é a única organización labrega que está a loitar no día a día ao lado das veciñas e dos veciños, como o fixemos anteriormente para parar grandes proxectos de megaminería, contra a implantación de grandes parques eólicos ao lado das casas que ocupan grandes cantidades de terra agraria. Diante de retos moi importantes como a ameaza polo encarezamento e escaseza de combustibles fósiles ou a emerxencia climática, convértese en crucial a defensa dun modelo de produción ligado á terra para garantir a chegada de alimentos saudábeis á cidadanía, pero tamén para a nosa superviviencia como pobo e como labregas e labregos. Estes días é posible que os que nunca están cando o sector ten problemas leven adiante grandes campañas de propaganda, e prometan o que nunca fixeron. O aval do Sindicato Labrego Galego son os feitos, que poden comprobarse, e non as promesas, que as leva o vento”, Isabel Vilalba Seivane, gandeira de leite no concello de Lourenzá e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego.