
27/11/2012
"Se isto segue así, o sector lácteo entrará nunha folga de entregas permanente, pois moitas explotacións pecharán antes da primavera"
A folga de entregas do sector lácteo comezou con enteira normalidade: con asembleas e concentracións por toda Galiza, con tres millóns de quilos sen recoller e sen incidentes destacables. As organizacións agrarias deron unha rolda de prensa na que volveron incidir na responsabilidade política desta crise e na confianza de que industrias e distribución acepten pagar un prezo mínimo digno polo leite galego para garantir a supervivencia dun sector estratéxico para o medio rural do noso país do que dependen máis de 40.000 familias.
Na comparecencia ante os medios de comunicación, foi Xabier Gómez Santiso, como coordinador dos sectores gandeiros, quen falou en representación do Sindicato Labrego Galego. Santiso denunciou que o sector lácteo chegou a unha situación "kafkiana", na que "canto máis produce, máis cartos perde"; e advertiu que, de seguirmos cun nivel de prezos como o actual, ao redor dos 28 céntimos por litro, "o sector lácteo entrará nunha folga de entregas permanente, pois moitas explotacións terán que pechar as portas antes de que chegue a primavera".
Polo momento, e mentres industria e distribución non movan ficha, a folga de entregas seguirá de xeito indefinido.