SAF_Vilalba

11/11/2022

Salarios e condicións de traballo digno para as traballadoras de atención a persoas dependentes no fogar!!

Dobre afección das mulleres rurais: como traballadoras e como usuarias, prexudicadas pola precariedade deste servizo público. Demandamos o fin da externalización da atención á dependencia e a súa incorporación a unha rede pública de coidados

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apoiamos a folga das traballadoras de atención a persoas dependentes no fogar convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e secundada pola Plataforma SAF Galiza.

Esiximos salarios e condicións dignas para o persoal de atención ás persoas dependentes no fogar, na súa práctica totalidade mulleres, ao tempo que instamos á Xunta de Galicia a proceder á incorporación deste servizo á rede pública, poñendo fin á súa externalización a empresas privadas que non dubidan en aumentar marxes de beneficio á costa da saúde destas traballadoras e a depauperación da calidade que debería ter un servizo tan sensíbel como este, unha atención da que moitas persoas dependen no noso país para acadar algo tan esencial como é ter unha vida digna.

Dende o SLG queremos chamar tamén a atención sobre o feito de que as mulleres que viven no medio rural están dobremente afectadas pola precariedade á que a Xunta de Galicia e as empresas concesionarias están somentendo ás traballadoras do mesmo. Por unha banda, habida conta da destrución de servizos nestas áreas e o desprezo ao que a Administración galega somete ás iniciativas económicas que realmente fixan poboación no rural, a atención á dependencia é un dos poucos sectores profesionais aos que se poden incorporar. Moitas labregas son tamén traballadoras do SAF afectadas pola vergoñenta precariedade das condicións laborais da atención á dependencia.

Canda esta situación, a eliminación paulatina de servizos públicos no medio rural executada polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia nas últimas décadas, fronte aos que teñen sido reaccións destacadas a mobilización social para impedir o peche de escolas e centros médicos, impactan de xeito máis grave nas mulleres, que son quen maiormente asumen as responsabilidades e traballos derivados dos coidados ás persoas da familia e do seu entorno.

Cando a atención sanitaria, educativa ou de coidados é atacada, as mulleres son as principais prexudicadas, tanto no ámbito urbano como no rural. Porén, como constata o Informe anual da Valedora do Pobo ao Parlamento de Galicia (2021), as mulleres rurais adícanse a traballos domésticos, de coidado e informais en maior medida que as residentes en áreas urbanas, polo que as precarización dos servizos públicos dirixidos ao benestar social conleva máis dificultades na loxística cotiá e unha sobrecarga de tarefas e preocupacións a maiores, que polo xeral as mulleres conseguen resolver a costa de reducir ou eliminar por completo os seus propios autocoidados, co conseguinte impacto na súa saúde física e emocional.

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos a urxente negociación dun convenio colectivo galego que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas para o persoal traballador dos Servizos de Atención no Fogar (SAF), así como a incorporación do mesmo a unha rede pública de servizos de atención ás persoas que demandamos sexa activada de xeito inmediato.