Novas

  • Rexeitamos o plan da Xunta: Non hai minería sustentábel! Os impactos son irreversíbeis e destrúen emprego no sector agrogandeiro

    Rexeitamos o plan da Xunta: Non hai minería sustentábel! Os impactos son irreversíbeis e destrúen emprego no sector agrogandeiro

    • 08,Mai 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • GALIZA NON É UNHA MINA
    • MINERÍA
    • sindicato labrego galego

    Galiza, 8 de maio de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciamos que os chamados “plans sociais” son unha cortina de fume. Hai tempo que vimos advertindo da ofensiva lexislativa que está desprotexendo o rural e afirmamos rotundamente que non imos permitir que estes proxectos destrutivos saian adiante.

    Rexeitamos o anuncio da Consellería de Economía e Industria sobre a convocatoria dun concurso para a explotación de minerais críticos (ouro, wolframio, estaño) nas provincias da Coruña e Pontevedra, incluíndo as minas de Corcoesto, San Finx e Santa Comba. Para nós, este plan baséase nunha premisa falsa: a de que existe unha minería responsábel, moderna ou sustentábel. A realidade é que a megaminería a ceo aberto e subterránea xera impactos irreversíbeis sobre o territorio, a auga, a biodiversidade e, de xeito moi especial, sobre o emprego no sector agrogandeiro galego.

    Non hai minería sustentábel: os impactos son para sempre

    Rexeitamos o argumento da Xunta de que se pode falar de “minería sostíbel” ou “minería moderna”. A extracción de ouro, wolframio e estaño implica o movemento de toneladas de terra, a xeración de residuos tóxicos (metais pesados, reactivos químicos), a contaminación de acuíferos, e a alteración permanente da paisaxe.

    Cando unha mina se instala nun lugar, ese lugar xa non volve ser o mesmo. As augas e os solos non se recuperan. E as granxas agrogandeiras que dependen desa auga e desa terra simplemente desaparecen e con ela centos de postos de traballo nas nosas granxas e en actividades locais.

    Destrución de emprego no agro fronte a promesas mineiras

    Mentres a Consellería promete 250 empregos mineiros, nós temos claro que se porán en risco centos de postos de traballo no sector primario: gandería de leite e carne, agricultura ecolóxica, apicultura, viticultura. Unha soa mina contaminante pode deixar sen traballo a decenas de granxas familiares nunha comarca, sen posibilidade de recuperación cando a mina peche. Mentres a conselleira de Industria anuncia millóns para a minería, a Consellería de Medio Rural deixa sen orzamento as incorporacións de mozas e mozos, ou directamente xa non as resolve como fixo coas do ano pasado. Sen presuposto para relevo xeracional, non hai futuro no rural. Priorizar a minería mentres se abandona o agro é desertizar Galiza.

    Os plans sociais non reparan o irreparábel

    A principal novidade anunciada pola conselleira é a esixencia de “planes sociais punteiros” financiados cunha porcentaxe dos beneficios. Para o Sindicato Labrego Galego esta medida é un paripé para blanquear proxectos industriais moi destrutivos: ningún plan social pode recuperar un río morto, un acuífero contaminado, un pasto envelenado ou unha explotación gandeira arruinada.

    Este plan non é algo novo, leva anos artellándose. Precedido de modificacións normativas que, baixo o pretexto da “simplificación administrativa”, eliminaron controis ambientais e reduciron os prazos de exposición pública. Leis como a 5/2017 de fomento de iniciativas empresariais, a Lei 9/2021 de simplificación administrativa ou a Lei 2/2024 de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos, outorgaron á Consellería de Industria a potestade de decidir sobre a utilidade pública dos proxectos e a súa prevalencia sobre a actividade agraria, legalizando a fragmentación de proxectos, debilitando as declaracións de impacto ambiental e outorgando prioridade aos grandes proxectos industriais sobre os usos da terra e da auga.

    Non imos permitir que os plans da Consellería se leven a cabo

    Lanzamos unha advertencia clara e contundente á Conselleira de Industria: por moitos plans sociais que prometa, por moitas leis de simplificación que aprobe, non vai conseguir impoñer a súa folla de ruta.

    Levamos décadas nas rúas e nos xulgados conseguindo parar proxectos como a mina de ouro de Corcoesto, a mina de cobre de Touro, a mina de wolframio de San Finx, a de feldespatos de Foramontaos de Xinzo ou de Silán – Muras, a de seixo da Terra Chá ou os proxectos de litio na provincia de Pontevedra. A xente dixo claramente que NON a todos estes proxectos.

    A conselleira pode cambiar leis, reducir prazos ou declarar proxectos estratéxicos. Pero vai atopar no camiño o mesmo que atoparon antes: a cidadanía organizada en fronte, e con ela o Sindicato Labrego Galego. Non imos permitir que destrúan o noso territorio, a nosa auga, os nosos solos e os nosos postos de traballo no agro. Vamos seguir mobilizándonos nas rúas, presentando alegacións, levando os casos aos xulgados e defendendo o noso país.

    Galiza non precisa máis minería metálica. Precisa que se respecte a vida no rural, que se protexa a auga e a terra, e que se apoie o emprego agrario, que é o verdadeiro motor sostíbel do noso país. Dende o Sindicato Labrego Galego anunciamos que continuaremos denunciando este modelo e que nos mobilizaremos xunto ás comunidades afectadas para impedir que a megaminería destrúa o rural galego.