NaDefensaDanosa Terra

22/11/2024

Rexeitamos a tentativa da Xunta de expulsar do Consello Mineiro ás organizacións sociais

O proxecto de Lei inicialmente presentado non recollía este cambio, incluída posteriormente pola presión do lobby mineiro. A modificación pretende dificultar o acceso á información e participación en proxectos que están a crear alarma social

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), rexeita a decisión unilateral da Xunta de Galicia de excluír as organizacións de defensa da natureza e das comunidades de montes veciñais do Consello da Minería de Galicia, do que forman parte desde que o órgano foi establecido en 2008 mediante a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría de Galicia.

Se ben a lei actualmente en vigor garante a presenza destas organizacións no principal órgano de participación, consulta e asesoramento en materia de minas, a Xunta, mediante nova Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta que se tramita no Parlamento, pretende expulsalas definitivamente e de xeito subrepticio.

Esta medida supón un atropelo ao dereito da sociedade civil de estar informada e participar nas decisións relativas a un sector cuxas actividades supoñen un impacto innegable sobre os ecosistemas e a saúde das persoas. Consideramos que se trata ademais dunha medida ilegal, pois contravén a Convención de Aarhus que regula os dereitos de participación en materia ambiental e o principio de non regresividade en relación aos dereitos ambientais adquiridos.

A expulsión dos colectivos ambientais e das comunidades de montes veciñais dun órgano consultivo do que forman parte por lei supón unha medida sen precedentes na historia da administración autonómica, e parte dunha estratexia orquestrada de marxinalización e deslixitimación destes colectivos, que xa ficou patente na a “Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia 2030” aprobada fai un ano pola Xunta.

Naquel documento a Administración refería repetidamente o “ecoloxismo radical” e o “forte activismo das asociacións ecoloxistas” como “ameaza”, mentres se critica a existencia dunha “mobilización social promovida por grupos con intereses moi distintos aos intereses locais e do entorno”, en alusión aos colectivos sociais e veciñais opostos a determinados proxectos ambientalmente nocivos como as minas de Touro, San Finx, Muras, Penouta ou Doade.

É notorio, ademais, o momento en que se toma esta decisión, 16 anos despois da entrada en vigor da lei de ordenación da minaría, pois a tentativa de expulsión prodúcese cando o Consello da Minaría deberá informar o Plan sectorial de actividades extractivas que pretende impulsar a Xunta e cando se anunciou un concurso de dereitos mineiros sen precedentes por todo o territorio galego.

De feito, o proxecto de lei inicialmente presentado non afectaba á composición de dito órgano, o que evidencia a intervención do propio lobby mineiro para excluír as entidades ecoloxistas e de montes veciñais, cando a lóxica democrática apunta precisamente á pertinencia de que o Consello da Minaría se abra á sociedade, incluíndo outros colectivos como as confrarías, organizacións agrarias e plataformas de afectadas, e ser o máis diverso e plural posible.

Eliminar a sociedade civil destes espazos de participación é unha práctica habitual da Xunta de Galicia, e con ela preténdese debilitar o acceso a información e o exercicio dos dereitos da cidadanía nun contexto onde cada vez se atenta máis contra o interese xeral para privilexiar o lucro privado.

O Sindicato Labrego Galego e outras organizacións sociais veñen de solicitar reunións con todos os grupos do Parlamento de Galicia para demandar a retirada inmediata desta medida sen precedentes e non descartan iniciar accións xudiciais no caso de que finalmente se aprobe a lei nestes termos.

Asemade, queremos advertir igualmente que a exclusión das entidades defensoras do ambiente e territorios veciñais nos que se pretende impor unha nova vaga de proxectos mineiros non freará a resistencia e oposición social fronte este tipo de actividades destrutivas e nocivas.

Organizacións asinantes:

ADEGA

Amigas da Terra

Confraría de Pescadores de Noia

Ecoloxistas en Acción

Federación Ecoloxista Galega

Fundación Montescola

Greenpeace

Organización Galega de Comunidades de Montes

Plademar Muros-Noia

Sindicato Labrego Galego

Sociedade Galega de Historia Natural

Verdegaia