Novas

  • O SLG reclama un Observatorio Lácteo a medida da importancia do sector lácteo en Galiza

    O SLG reclama un Observatorio Lácteo a medida da importancia do sector lácteo en Galiza

    • 23,Dec 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Consellería de Medio Rural
    • Observatorio do Sector Lácteo de Galiza
    • reunión
    • Sector Lácteo
    • O Observatorio do Sector Lácteo está pensado como órgano de asesoramento, consulta e análise deste sector. O SLG espera que todo o sector se implique e sexa unha ferramenta útil..

      • En Galiza agora mesmo non hai transparencia nin datos reais sobre custes de produción que permitan tomar decisións fundamentadas.

    Galiza, 23 de decembro de 2025. Hoxe celebrouse no Pazo de Quián, en Boqueixón, a primeira reunión do Pleno do Observatorio do Sector Lácteo de Galiza desde que o pasado 6 de febreiro se publicase no DOG o Decreto 8/2025, que reformou completamente este órgano. O novo decreto substitúe ao anterior Decreto 61/2007 e reduce ao mínimo a obriga de reunión deste órgano, que só ten que xuntarse unha vez ao ano en sesión ordinaria.

    Na xuntanza estivo presente o SLG como organización agraria representativa do sector e, tamén, a propia Consellería, 3 vogais da industria, 3 vogais da distribución, o LIGAL, asociación de persoas consumidoras, asociación de mulleres, AGACA, Fefriga, OPL e diversas outras asociacións.

    Un Observatorio baleiro de contido

    Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) intervimos para deixar claro que, a pesar de que este observatorio está pensado como órgano de asesoramento, consulta e análise do sector lácteo, a realidade é que carece de información relevante e actualizada. A importancia que ten o sector lácteo galego para a Consellería pódese medir pola importancia que lle dá a este observatorio lácteo e ao número de informes que se publican sobre o sector na páxina da consellería de Medio Rural”, denuncia Ana Rodríguez Vázquez, vicerresponsábel do sector lácteo no SLG.

    Actualmente, a única información dispoñíbel na web da Consellería sobre o sector lácteo son os prezos do leite por estratos, que se actualizan mensualmente cunha gráfica. Nada máis. “Mentres, para coñecer calquera dato real sobre o sector lácteo galego, temos que acudir ao Ministerio de Agricultura e consultar cada mes o informe de declaracións e entregas de leite crú aos primeiros compradores”, engade Rodríguez. “Foi así como nos decatamos de que en outubro deste ano Galiza baixou das 5.000 granxas de leite, quedando en 4.987 explotacións”.

    Outras comunidades si facilitan información

    O contraste entre a información que ofrece a Consellería e a que proporcionan outras administracións é abafante. Como sindicato, asistimos de forma regular ao Grupo de Diálogo Civil sobre o leite da Comisión Europea, con xuntanzas programadas e periódicas. Coñecemos os custes de produción das ganderías de leite de Euskadi a través do seu departamento de Alimentación, Desenvolvemento Rural e Pesca, a pesar de que alí só hai 207 ganderías. Tamén coñecemos os custes de produción das ganderías de leite de Córdoba e Cádiz, a través do Observatorio de Prezos e Mercados da Xunta de Andalucía, que ten 358 ganderías. E temos acceso aos custes de produción das granxas típicas de leite pertencentes á Rede Técnico Económica de comparación de granxas típicas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

    En Galiza, coa nosa importancia no sector lácteo estatal, non dispoñemos desta información básica. Non hai transparencia nin datos reais sobre custes de produción que permitan tomar decisións fundamentadas nin defender adecuadamente os intereses das produtoras e produtores galegos.

    O sector lácteo como moeda de cambio

    A todo isto súmase o anuncio este luns por parte de China de aranceis de ata o 42,7% aos lácteos europeos, afectando a produtoras galegas. O Sindicato Labrego Galego amósase crítico con este modelo de comercio internacional no que o sector lácteo galego convértese en moeda de cambio na loita comercial entre potencias.

    O volume de exportacións a China é relativamente baixo en relación ao conxunto do sector e, ademais, o Estado español é deficitario en produción láctea e necesita importar leite para cubrir o seu consumo interno. Polo tanto, o impacto real destes aranceis no sector non debería ser significativo. Porén, advertimos á industria de que se absteña de utilizar esta situación como escusa para presionar á baixa os prezos ou desestabilizar a cadea de valor do leite. Nun contexto de peche continuado de granxas e cos fortes investimentos que están a asumir as explotacións que resisten, calquera presión nos prezos podería desencadear unha catástrofe para o sector.

    As nosas esixencias

    Dende o Sindicato Labrego Galego reclamamos que o Observatorio do Sector Lácteo de Galiza sexa un órgano con contido real, que publique información actualizada e relevante sobre o sector, incluídos datos sobre custes de produción, análises de viabilidade económica das explotacións e informes que permitan coñecer a situación real das ganderías galegas.

    Non abonda con reunirse unha vez ao ano se despois non hai información nin traballo continuado. O sector lácteo galego merece un observatorio á altura da súa importancia económica e social.