bnggrupoparla

27/11/2024

Reunión cos grupos parlamentares do BNG e PSdG para solicitar accións a nivel galego e europeo que impidan a expulsión das organizacións sociais do Consello da Minaría

Como anunciamos a semana pasada ao coñecer a intención do Partido Popular de Galicia de expulsar ás organizacións de defensa da natureza e comunidades de montes do Consello da Minaría a través da Lei de Acompañamento de Orzamentos 2025, ADEGA, Amigas da Terra, Confraría de Pescadores de Noia, Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega, Fundación Montescola, Greenpeace, a Organización Galega de Comunidades de Montes, Plademar Muros-Noia, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia solicitamos reunións con todos os grupos do Parlamento de Galicia para demandar a retirada inmediata desta medida sen precedentes.

En representación destas organización sociais, hoxe a coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no Sindicato Labrego Galego, Margarida Prieto Ledo e o responsábel de Greenpeace Galicia, Manuel Santos, mantiveron xuntanzas con representantes dos grupos parlamentarios do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Partido Socialista de Galicia (PSdG) para trasladar a preocupación por este grave ataque aos dereitos de participación social en materia mineira. O Partido Popular (PPdG) nin sequera respondeu á solicitude de reunión.

Prieto e Santos solicitaron que, máis alá de levar adiante as xestións precisas para eliminar esta modificación da Lei de Acompañamento sexan presentadas iniciativas encamiñadas a preservar e reforzar a representación da sociedade civil nos órganos de goberno contemplados a tal efecto.

Tamén pediron a ambas formacións que realicen traballo a nivel europeo a través dos seus respectivos eurodeputados e eurodeputadas, ante a posibilidade de que exista vulneración do Convenio de Aarhus sobre acceso á información, participación pública na toma de decisións e acceso á xustiza en materia de medio ambiente, así como da normativa comunitaria derivada do mesmo.

Nota de prensa 22/11/2024 Rexeitamos a tentativa da Xunta de expulsar do Consello Mineiro ás organizacións sociais

Organizacións asinantes:

ADEGA

Amigas da Terra

Confraría de Pescadores de Noia

Ecoloxistas en Acción

Federación Ecoloxista Galega

Fundación Montescola

Greenpeace

Organización Galega de Comunidades de Montes

Plademar Muros-Noia

Sindicato Labrego Galego

Sociedade Galega de Historia Natural

Verdegaia