Novas

  • O requirimento masivo de Informes Sociais Unificados ameaza con colapsar a atención á dependencia no rural

    O requirimento masivo de Informes Sociais Unificados ameaza con colapsar a atención á dependencia no rural

    • 16,Dec 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • consellería política social
    • delegación de lugo
    • dependencia
    • informes sociais unificados
    • ISU
    • LCEF
    • requirimento masivo
    • A Xunta cambia de criterio sen comunicación nin coordinación, esixindo informes sociais en todos os expedientes de coidados no contorno familiar.

    • O Sindicato Labrego denuncia que esta forma de proceder varía entre provincias e xera confusión tanto na poboación como nas persoas profesionais.

    Galiza, 16 de decembro de 2025. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alertamos dunha nova decisión unilateral da Consellería de Política Social que agrava aínda máis o xa denunciado colapso dos servizos municipais de atención á dependencia. Segundo a información trasladada ao SLG por traballadoras e traballadores sociais da provincia de Lugo, a Delegación Provincial comezou a requirir sistematicamente Informes Sociais Unificados (ISU) en todos os expedientes que solicitan a prestación económica de coidados no contorno familiar (LCEF), sen que exista respaldo normativo para este cambio de procedemento.

    Esta esixencia contradí as propias instrucións da Consellería de Política Social (Secretaría Xeral Técnica), que establecen que, de acordo co Título XI da Lei 13/2008, o informe social non é un documento preceptivo, salvo en circunstancias excepcionais. Con todo, a Delegación de Lugo decidiu requirir estes informes en todos os casos, mesmo antes de saber se a persoa solicitante acadará a puntuación mínima no baremo de valoración para ter recoñecido un grao de dependencia.

    “Dende a entrada en vigor da Lei de Dependencia fai 19 anos nunca antes requiriron un informe social en menos dun mes dende a presentación da solicitude. Por que agora se requiren con tanta premura?, cuestionan as profesionais dos servizos sociais. “Vai a Xunta de Galicia resolver os expedientes tan rápido?”.

    Confusión e sobrecarga profesional

    Denunciamos que esta forma de proceder xera unha dobre confusión. Por unha banda, transmíteselle á poboación unha idea equivocada sobre a celeridade na que se van resolver os expedientes, presentando o trámite como fácil, rápido e sinxelo, sen necesidade de presentar documentación. Por outra banda, os profesionais que, seguindo as instrucións da propia Consellería, comezaron a enviar só os anexos, ven agora como se lles requiren certificados de IBAN e Informes Sociais Unificados de xeito masivo.

    As persoas usuarias reciben requirimentos cun prazo de 10 días que lles xera angustia e nerviosismo. Ademais a ultimas modificacións normativas permiten arquivar o expediente se nese prazo non se completa a documentación requirida.

    Para emitir os informes debemos desprazarnos aos domicilios, facer a valoración e elaborar o informe. Iso non é posible se nos remiten tal cantidade de requirimentos xuntos”, explican. Ademais, engaden que agora lles faltan datos para elaborar os informes que antes si tiñan dispoñibles porque o informe médico e o informe social eran documentos obrigatorios no trámite. “Cando a xente viña tramitar o expediente, traía o informe médico xunto co resto de documentación requirida: datos dos convivintes e xustificantes de pensións”, comentan as traballadoras. “Ao venderse agora que non é necesaria documentación ningunha para facer o trámite —nin informe médico, nin informe social, só os anexos asinados— as profesionais atopámonos sen esa información cando temos que elaborar os informes que se requiren”.

    Criterios diferentes segundo a provincia

    Ademais de todo isto, temos constancia de que esta forma de proceder é variable nas distintas Delegacións Provinciais, ante unha mesma norma. Mentres en Lugo se están a requirir masivamente os Informes Sociais Unificados, compañeiras da provincia de Pontevedra manifestan que nesa provincia, ou polo menos nalgúns concellos, nunca se lles requiriu un informe social no que vai de ano.

    Dende o sindicato lembramos que en maio deste mesmo ano xa alertamos dun máis que posible colapso dos servizos municipais de atención á dependencia debido ao procedemento unificado cualificado como “simplificado” pola Consellería, que entrou en vigor o 3 de xaneiro de 2025. Daquela, convocamos unha mobilización en Santiago de Compostela na defensa do sistema público de atención á dependencia e solicitando a paralización deste procedemento.

    Dende o SLG instamos á Xunta de Galicia a analizar este proceder e mudalo antes de colapsar definitivamente os servizos sociais comunitarios nos concellos rurais, formados en ocasións por unha única profesional.